Medio Rural
Inicio >> Institucional >> Elaboración de disposicións, proxectos e actos administrativos

Elaboración de disposicións, proxectos e actos administrativos

Participación cidadá na elaboración de disposicións de carácter xeral e plans, programas e proxectos da Consellería do Medio Rural e do Mar sometidos a audiencia ou información pública.

En cumprimento do disposto no artigo 9 da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e boas prácticas na Administración pública galega, procédese a publicar na páxina web da Consellería do Medio Rural e do Mar, a relación dos procedementos de elaboración de disposicións administrativas de carácter xeral que están en curso, indicando o seu obxecto e estado de tramitación, coa posibilidade de que os cidadáns poidan remitir as súas suxestións.

En calquera momento anterior ao trámite de audiencia ou, de ser o caso, ao informe final da secretaría xeral técnica, as persoas, individualmente ou por medio das asociacións que as agrupen ou representen, poderán remitir suxestións relativas a aqueles proxectos que as afecten. As proposicións, suxestións ou recomendacións recibidas serán tidas en conta polo órgano encargado da redacción do texto do proxecto, que poderá asumilas ou rexeitalas a través dun informe final no cal recibirán unha resposta razoada, agás as de recoñecida e notoria urxencia, que poderá ser común para todas aquelas suxestións que formulen cuestións substancialmente iguais.

A presentación de propostas non atribúe, por si mesma, a condición de persoa interesada no procedemento.

O previsto anteriormente non substitúe ao trámite de audiencia pública, nos supostos en que sexa preceptiva de acordo coa normativa de aplicación.

A Lei 16/2010, de 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, ao regular o procedemento de elaboración de disposicións administrativas de carácter xeral, tamén prevé o fomento da participación da cidadanía directamente ou a través das organizacións e asociacións recoñecidas pola lei. Nos trámites de audiencia e información pública promoverase a participación cidadá a través dun portal web específico ou a través de calquera medio admisible en dereito que permita acreditar a identidade do suxeito actuante, incluídas todas as posibilidades que ofrece a vía telemática por medios electrónicos.

Especificamente en materia de disposicións de carácter xeral relacionadas co medio ambiente, a participación do público na elaboración destas disposicións atenderá igualmente o disposto nos artigos 16 e 18 da Lei 27/2006, de 18 de xullo, pola que se regulan os dereitos de acceso á información, de participación pública e de acceso á xustiza en materia de medio ambiente, polo que á marxe de publicarse estas disposicións nesta páxina web, as observacións e opinións do público formuladas con arranxo ao disposto nos parágrafos anteriores serán remitidas aos correspondentes órganos xestores para a súa valoración no informe final.

As proposicións, suxestións ou recomendacións poderán ser formuladas ben vía telemática a través desta páxina web ben mediante escrito dirixido ao órgano administrativo competente da Consellería do Medio Rural e do Mar que poderá presentarse en calquera dos lugares establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, e terá un prazo de vinte días hábiles dende o seguinte á publicación do presente anuncio nesta páxina web. Nos casos nos que a disposición tamén se someta a información pública, a través da publicación da mesma no Diario Oficial de Galicia o prazo computarase dende o día seguinte ao da súa publicación.


© Copyright. Consellería do Medio Rural e do Mar. Xunta de Galicia. Todos os dereitos reservados. Aviso Legal
RSS