O Organismo
O Fondo Galego de Garantía Agraria (anteriormente denominado Instituto Lácteo e Gandeiro de Galicia) é un organismo autónomo de carácter comercial e financeiro, creado pola Lei 7/1994, do 29 de decembro, e adscrito á Consellería do Medio rural da Xunta de Galicia.
O devandito organismo desenvolve as accións necesarias para a aplicación da Política Agraria Común no eido agrícola e gandeiro, respecto das axudas e subvencións con cargo ao Fondo Europeo Agrícola de Garantía (FEAGA) así como ás medidas de intervención e regulación de mercados das distintas Organizacións Comúns de Mercados (OCM) financiadas tamén polo dito Fondo.
Ademais, o FOGGA constitúese como o organismo pagador en Galicia dos gastos financiados polo FEAGA e polo FEADER, de conformidade co previsto no Regulamento (CE) 1290/2005, do Consello, do 21 de xuño, e co Decreto 155/2006, do 7 de setembro.
Órganos de dirección do FOGGA
Os órganos de dirección do FOGGA son o consello de Dirección, o Presidente e o Director. Ao Consello correspóndenlle as máis amplas facultades de goberno e administración, e está formado polo Presidente do FOGGA –que é o Presidente do consello-, un vicepresidente, o Director do FOGGA, cinco vocais nomeados polo Conselleiro do Medio Rural, e o Secretario, que actúa con voz pero sen voto.
O Presidente do FOGGA é, por razón do seu cargo, o Conselleiro do Medio Rural e representa ao Organismo en toda clase de actos e negocios xurídicos, exercendo no seu nome accións e recursos.
O Director do FOGGA é o órgano executivo e de xestión do organismo, correspondéndolle propor as liñas estratéxicas de actuación, a elaboración da memoria anual, autorizar e dispor os créditos e dotacións, recoñecer as obrigas e ordenar os pagamentos, exercer a dirección administrativa e maila xefatura do persoal, coordinar e controlar o funcionamento dos servizos e as dependencias administrativas, así como o exercicio de tódalas facultades que teña atribuídas por delegación do Consello ou do presidente e aquelas non encomendadas a estes órganos.

