As organizacións profesionais agrarias representan un importante papel na vertebración social e profesional do sector primario. A súa achega para artellar mecanismos eficaces de participación directa do sector agrario coa Administración, asegurando a presenza dos intereses dos produtores agrarios nos procesos de avaliación e decisión das políticas agrarias, así como o constante traballo a prol dunha garantía de rendas dignas para os agricultores e da mellora da calidade de vida no medio rural contribuíron ao recoñecemento da súa lexítima representatividade como interlocutores sociais no eido agrario e como entidades representativas dos labregos e labregas.
En concordancia con esa función vertebradora da trama social do medio rural, artéllanse medidas de apoio ás organizacións profesionais agrarias.
O obxectivo é fortalecer a implantación e a consolidación das organizacións representativas do sector agrario en Galicia. Estas axudas incentivan a realización de actividades de representación e de formación dos asociados das organizacións profesionais agrarias e dos agricultores e agricultoras galegos en xeral.
