Actividades do Lafiga
Todas as análises que se realizan teñen como fin principal un mellor coñecemento dos produtos e dos medios de produción nun contexto de mellora da calidade e da seguridade alimentaria.
- Sección de alimentos para animais: chegan mostras para coñecer o seu valor nutritivo, investigar a posíbel existencia de compoñentes tóxicos ou para comprobar que a composición da mostra se axusta ao indicado na etiqueta. É moi importante coñecer o valor nutritivo dos pensos e das forraxes, tanto verdes como conservadas, porque permite ao gandeiro elaborar as racións axeitadas para cada estado produtivo dos seus animais, mellorando o rendemento.
- Sección de alimentos e bebidas: as súas análises desenvólvense tamén ao abeiro do control da calidade alimentaria. Isto abrangue tanto a calidade intrínseca dos produtos como a vixilancia do cumprimento das normas e dos regulamentos. A demanda máis habitual é a solicitude de certificados de exportación para as bebidas.
- Sección de solos e análises foliares: o traballo cos solos, augas de rega e as análises foliares están orientados a coñecer a fertilidade dos solos, as súas carencias e a realización de estudos edafolóxicos e do ciclo de nutrientes na explotación.
- Sección de fertilizantes: analízanse todo tipo de abonos como minerais simples e complexos, abonos orgánicos, xurro, etc. Estas análises serven tanto para comprobar a validez dos produtos e a súa composición como para detectar fraudes.
- Sección de fitopatoloxía: realiza análises de vexetais e solos vexetais para o diagnóstico de pragas e enfermidades.
- Sección de Residuos de Fitosanitarios: as técnicas e os procedementos desta sección permiten analizar distintas matrices nas que se detecta a presenza de fitosanitarios, determínase o grado de cumprimento dos LMRs -límites máximos de residuos- dos pesticidas máis habituais e realízase o seu seguimento para comprobar os prazos de seguridade nas condicións edafoclimáticas de Galicia.
Ademais, o Laboratorio desenvolve tarefas de investigación e desenvolvemento agrario en coordinación co CIAM. Os proxectos nos que participa están financiados pola Dirección Xeral de Investigación, Desenvolvemento e Innovación da Consellería de Innovación e Industria ou ben polo Instituto Nacional de Investigación y Tecnología Agraria y Alimentaria, INIA. Algúns deles son:
- Situación actual das moscas brancas en Galicia e os seus inimigos naturais. Bases para o control integrado de pragas.
- Estudo da calidade e da seguridade das materias primas utilizadas para a alimentación animal en Galicia: creación dun plan integral de control baseado en criterios de APPCC (Análise de perigos e de puntos críticos de control). É un proxecto estratéxico para a Consellería do Medio Rural e do Mar.
- Leguminosas para as Explotacións Gandeiras Atlánticas, LEGA. Este proxecto tamén é estratéxico para a Consellería.
Ensaios interlaboratorio e participación en plans nacionais e autonómicos
Co obxectivo de manter a calidade das análises no nivel máis alto posíbel, o Lafiga participa en varios test de control e avaliación de laboratorios:
- Wepal, da Universidade de Wageningen, Holanda, nos ensaios de control de análises de solos e foliares.
- Bureau Interprofessionel d’etudes Analytiques, BIPEA, de Francia, para o control das análises de viños, bebidas espirituosas, fertilizantes, alimentos para animais, silos e micotoxinas.
- TestQual, Servizos de Intercomparación de Residuos de Praguicidas, da Universidade de Almería para as análises de residuos de fitosanitarios en diversas matrices.
- Inter 2000, da Generalitat de Catalunya, para os ensaios de aptitude dirixido aos laboratorios agroalimentarios de todo o país, coordinados polo Laboratori Agroalimentari do Departamento de Agricultura, Gandaría e Pesca.
Así mesmo, o Lafiga participa en varios plans e programas estatais artellados polo MAPA. Algúns destes plans e programas nos que se participan son:
- Plan Nacional de Produtos Lácteos
- Plan Nacional de Investigación de Residuos de Produtos Cárnicos
- Plan Nacional de Fitosanitarios
- Plan Nacional de Residuos de Fitosanitarios co Programa de Vixilancia de Residuos de Praguicidas
Para o seu desenvolvemento, os Grupos de Traballo Sectoriais estudan e revisan os métodos oficiais, realizan informes, analizan os problemas derivados da implantación da norma UNE-EN ISO/EN 17025, e acordan ensaios interlaboratorios.
Algúns dos obxectivos destes plans son: a harmonización das metodoloxías analíticas, a comprobación de que os medios e os métodos se adaptan ás directrices da UE e das autoridades nacionais e a supervisión dos resultados coa realización de ensaios de intercomparación.
Nos ensaios colaborativos analízanse varias matrices: leite, manteiga, viños, bebidas espirituosas, pensos, forraxes, produtos cárnicos, hortalizas, froitas, outros vexetais, fitosanitarios, etc.
É de salientar tamén a participación no Plan de Execución do Programa de Vixilancia de LMRs de produtos de orixe vexetal postos no mercado, da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade. Nel analízanse alimentos para bebés e mostras de vexetais e de cereais na busca de praguicidas. Está previsto que se poida ampliar o alcance da acreditación a diversos produtos e matrices, para residuos de pesticidas, incluídos no método multirresiduos por cromatografía de gases con detector de masas.