O Laboratorio Agrario e Fitopatolóxico de Galicia (Lafiga) forma parte da Subdirección Xeral de Investigación Agraria e Forestal na Dirección Xeral de Innovación e Industrias Agrarias e Forestais da Consellería do Medio Rural e do Mar da Xunta de Galicia.
Procede do antigo Laboratorio Agrario Regional, en Guísamo, que foi transferido parcialmente á Xunta de Galicia en 1985, completándose a súa transferencia en 1995, ao incorporarse o Laboratorio Agroalimentario que permanecía dependendo da Administración do Estado.
Misión e funcións
A misión principal é a realización de análises oficiais, informativas e ensaios científicos. Son análises e ensaios oficiais os que se fan para os Servizos Provinciais de Control da Calidade Agroalimentaria sobre mostras tomadas oficialmente polo funcionario competente; as análises poden ser: iniciais, contraditorias ou dirimentes. Tamén se fan análises oficiais para emitir certificados de exportación de viños e bebidas espirituosas e cando se trata de expedientes sancionadores. Son análises informativas aquelas sobre mostras que envían os Servizos Provinciais de Explotacións Agrarias, os Servizos Provinciais Técnicos Agrarios, industrias, empresas, cooperativas, outras sociedades, agricultores, gandeiros e particulares. E, finalmente, son análises e ensaios científicos os realizados para o CIAM, Consello Superior de Investigacións Científicas, CSIC, e as Universidades, sobre matrices nas que se está investigando. O Laboratorio Agrario realiza análises químicas e fisicoquímicas tanto dos medios de produción, como dos produtos agrícolas, forestais, gandeiros (salvo os relativos á sanidade pecuaria), produtos agroalimentarios, bebidas, produtos para a alimentación animal, de residuos de fitosanitarios en varias matrices, e diagnósticos fitopatolóxicos.
O Laboratorio Agrario está capacitado para facer máis de 350 determinacións analíticas diferentes, moitas delas só se fan neste centro en toda Galicia. No pasado ano, o Lafiga analizou 10.000 mostras, facendo 80.000 determinacións para aproximadamente 2000 clientes.

Laboratorio agrario e fitopatolóxico de Galicia
Estrada AC-542 pk 7,5
Mabegondo. Abegondo
15318 A Coruña
Telf.: 881 881 366
Fax: 881 881 373
Seccións de Alimentos e Bebidas
Telf.:881 881 352
Fax: 881 881 351
