Liñas de investigación do EVEGA
O obxectivo da Estación é optimizar a produción vitivinícola través da investigación e da experimentación. As liñas que se seguen son:
Viticultura
- Constitución dun banco de xermoplasma, con recollida, conservación e estudo de variedades de cultivo ancestral en perigo de extinción.
- Selección clonal e sanitaria de variedades de vide autóctonas, en particular das recoñecidas como preferentes nos regulamentos das distintas denominacións de orixe.
- Determinación das técnicas óptimas de cultivo do viñedo, con especial atención á xeometría das plantacións (densidade e marco de plantación, sistemas de condución e poda) nas distintas zonas de cultivo.
- Determinación das técnicas idóneas de mantemento do solo no viñedo.
- Establecemento de sistemas óptimos de defensa fitosanitaria do viñedo, priorizando os mecanismos de loita integrada.
Enoloxía
- Caracterización dos viños producidos nas distintas denominacións de orixe galegas mediante parámetros físico-químicos que poidan aportar elementos diferenciadores (compoñentes aromáticos, contidos en elementos metálicos ou parámetros de cor, entre outros)
- Determinación das técnicas idóneas de vinificación das variedades de vide galegas con atención á problemática específica das distintas denominacións de orixe.
- Fixación das condicións óptimas de conservación dos viños galegos nos ensaios de consumo mediante o estudo da evolución a curto, medio e longo prazo dos seus compoñentes físicos e químicos.
- Estudo das técnicas de destilación das augardentes de bagazo galego e tipificación entre os posibles competidores no ámbito europeo.
Laboratorio de análise
- Análises dos viños producidos nas distintas denominacións de orixe. Determínanse os parámetros de acordo coas metodoloxías C.E.E., Regulamento 2676/90 da Comisión Europea, no que se regulan os métodos de análise comunitarios que se poden aplicar no sector.
- Investigación mediante parámetros físico-químicos e biolóxicos que poidan aportar elementos diferenciadores (compoñentes aromáticos, contidos en elementos metálicos ou parámetros de cor, entre outros).