A Consellería do Medio Rural e do Mar incentiva 43 proxectos singulares baseados fundamentalmente no aproveitamento mixto do monte comunal a través da produción forestal e gandeira. Con estas iniciativas preténdese favorecer a incorporación da mocidade a unha actividade económica rendíbel e con condicións de traballo flexíbeis, mellorar a calidade das producións gandeiras, ordenar o territorio a través da xestión de superficie agraria útil infrautilizada e reducir o número de incendios.
Os proxectos singulares fan posible actuar en 18.208 hectáreas de monte mediante o pastoreo de 8.980 cabezas de gando vacún, ovino, caprino, cabalar ou porcino. Benefician directamente a 1.221 propietarios de montes veciñais en man común e crean 149 empregos, fundamentalmente de xente nova.
Investiranse 2.174.458 euros en pechar as zonas de actuación con 125.800 metros de valado, arranxar 17 quilómetros de camiños, construír infraestruturas para o coidado dos animais (bebedoiros, mangadas de manexo ou pasos canadenses) así como en acondicionar o terreo mediante traballos de desbrozado, encalado e abonado.
O aproveitamento silvopastoril é unha alternativa eficaz de xestión da superficie abandonada, sobre todo da integrada en montes veciñais, dado que o acceso á terra é moito máis doado, as condicións de traballo son máis flexíbeis e permítenlles aos seus titulares dispor de máis tempo libre. O nivel de investimentos que precisan é menor e, polo tanto, convértese nunha actividade atractiva para os máis novos na medida que supón unha opción de autoemprego economicamente rendíbel fóra do ámbito urbano.
Proxectos singulares silvopastorís (1.61 Mb)

