Medio Rural
Escoitar arquivo de voz Pdf Imprimir

Información a recoller e índices a elaborar polo Observatorio do Sector Lácteo de Galicia

  1. Introdución
    A definición dos aspectos da cadea de produción, transformación e distribución de produtos lácteos que son obxecto de estudo por parte do Observatorio faise contando coas orientacións formuladas polos axentes representados na Mesa do Leite. O observatorio elabora regularmente información sobre os seguintes aspectos:

    • A estrutura de custos das explotacións lácteas e a súa evolución
    • Prezos
    • Índice de referencia da evolución do mercado de consumo final de produtos lácteos no Estado Español

  2. Estrutura de custos das explotacións galegas
    Con carácter anual elabórase un informe sobre o custo de produción nas explotacións lácteas, tomando como base os datos recollidos nun grupo de explotacións supervisadas polo programa de xestión. Este informe recolle diversos índices de carácter técnico e os resultados económicos da explotación distinguindo os diversos tipos de ingresos e de custos.

    Consulte os datos referentes aos resultados económicos

  3. Prezos percibidos polos produtores de leite galegos
    O Observatorio publica regularmente información sobre tres tipos de prezos:
    • Os prezos percibidos polos produtores de leite en función do tamaño da explotación. A información ten carácter mensual e nela desagréganse os distintos compoñentes do prezo final (prezo base e distintas primas).
    • Os prezos pagados polos produtores polos principais insumos utilizados na produción láctea. A información ten carácter mensual.
    • Os prezos de venda ao público nas principais canles de comercialización de lácteos (leites, iogures e queixos) en Galicia. A información ten carácter mensual.

    Consulte a información dispoñible sobre os prezos

  4. O índice de referencia da evolución do mercado de consumo final de produtos lácteos no Estado Español
    O índice sobre a evolución do mercado de produtos lácteos (EMPLA) defínese tendo en conta a procedencia dos produtos lácteos distribuídos para o consumo final no conxunto do Estado Español. No cálculo do EMPLA tense en conta a evolución de diversos parámetros:
    • A evolución dos prezos dos produtos lácteos elaborados no interior do Estado e destinados ao mesmo mercado interior.
    • A evolución do prezo dos produtos frescos importados
    • A evolución do prezo do queixo importado
    Os índices utilizados para medir estes parámetros son obxectivos e están baseados nunha metodoloxía estábel, ademais a súa elaboración é completamente independente dos axentes representados no Observatorio. A ponderación que se lle dá a cada un dos parámetros vén dada pola estrutura do mercado de produtos lácteos no Estado Español.
    O cálculo do EMPLA faise trimestralmente e o seu valor mide a variación ao respecto do mesmo trimestre do ano anterior.

    Consulte o índice sobre a evolución do mercado (EMPLA)
Observatorio do sector lácteo

© Copyright. Consellería do Medio Rural e do Mar. Xunta de Galicia. Todos os dereitos reservados. Aviso Legal
RSS