A Consellería do Medio Rural e do Mar incentiva o diálogo entre as distintas partes que conforman o sector lácteo, fundamentalmente entre a industria e os produtores. Con este obxectivo, e como paso previo ao establecemento da Interprofesional, foi creada a Mesa do Leite, un órgano estábel de interlocución no que participan os axentes relacionados co sector.
A Mesa do Leite pretende chegar a acordos en materia de oscilacións estacionais dos prezos, transparencia nas facturas e garantía de rendas dignas para os gandeiros. Está a interceder nun contexto no que preto do 80% do leite que se produce en Galicia depende de empresas foráneas, e no que a administración non pode intervir no mercado nin fixar os prezos, só mediar entre as partes.
O mantemento do sector lácteo en Galicia é responsabilidade non só de produtores, industrias e administración, senón tamén de distribuidores e consumidores.
