Doenzas e epizootias
Os programas de erradicación, loita e control de enfermidades animais permitiron diminuír a incidencia dalgunha destas enfermidades a uns límites que xa están próximos a valores de erradicación.
Contar cun elevado número de explotacións libres desas enfermidades é o punto de partida para formular outros programas sanitarios e, o que é máis importante, contar con animais sans permite aplicar programas de mellora produtiva a través dos que se optimicen os recursos naturais dispoñíbeis para a súa alimentación.
Programas que se están a desenvolver:
- Erradicación, loita e control da tuberculose e da brucelose bovina.
- Erradicación da brucelose ovina e cabrúa.
- Vixilancia, control e erradicación das encefalopatías esponxiformes transmisíbeis (EETs).
- Plan sanitario do sector porcino: o programa de control e erradicación da enfermidade de Aujeszky terá unha especial incidencia no sector, dado que a súa erradicación suporía unha notábel mellora nas condicións de produción e comercialización.
- Plan sanitario avícola: plan de control e erradicación de salmoneloses aviares, plan de control da influenza aviar.
- Programa de loita contra as enfermidades apícolas: enmarcado no Programa nacional de axudas á apicultura desenvolvido mediante un Real Decreto estatal en aplicación do previsto no correspondente regulamento comunitario que recolle as distintas liñas de axuda a este sector.
- Programa de vixilancia e erradicación da Lingua Azul.
- Programas sanitarios facultativos: impulso, adaptación normativa e consolidación das agrupacións de defensa sanitaria gandeira en Galicia (ADSG) co obxecto de acadar niveis sanitarios superiores aos esixidos polos programas obrigatorios.
- Programa de control oficial de etiquetado da carne de vacún, que por medio de actuacións na fase de produción vai garantir o correcto funcionamento do sistema de información -rastrexabilidade- na cadea alimentaria.
- Plans de control da aplicación da normativa de benestar dos animais.
- Implementación da estrutura e medios necesarios nos Servizos Veterinarios Oficiais para afrontar situacións de alertas sanitarias.
- Control da seguridade alimentaria das producións gandeiras mediante o mantemento dos programas actuais de alimentación animal, PNIR, medicamento veterinario, control de subprodutos de orixe animal, inspección da calidade do leite cru nas explotacións, e a aplicación da normativa europea de hixiene.
- Estruturación dentro dos Servizos Veterinarios Oficiais dunha Rede de Epidemio-Vixilancia que poña en valor a información dos programas sanitarios en funcionamento e que reduza o tempo que os produtores adican a cumprimentación de rexistros e declaracións oficiais.
- Adaptación das explotacións ás novas normas comunitarias de sanidade animal e de rastrexabilidade das producións (identificación de ovino e equino, entre outras).