Medio Rural
Inicio >> Áreas >> Gandaría >> Sanidade animal >> Benestar
Escoitar arquivo de voz Pdf Imprimir

Benestar animal  

Un dos principios nos que se basea a política da UE é que non se deben causar aos animais danos ou sufrimentos innecesarios. Isto desenvólvese nunhas normas sobre o benestar dos animais que establecen as condicións nas que se poden criar e nas que se poden transportar e sacrificar estes animais.

Normativa sobre benestar dos animais na granxa


Normativa sobre protección dos animais durante o transporte.

Normativa sobre a protección dos animais no momento do sacrificio.

Novidades

Normativa sobre o benestar dos animais na granxa
A normativa xeral básica en materia de benestar dos animais nas granxas é o Real Decreto 348/2000 do 10 de marzo -texto completo en pdf- (modificado polo RD 441/01 do Consello do 27 de abril) -texto completo en pdf-. Este Real Decreto é a transposición ao ordenamento xurídico español da Directiva 98/58/CE, que inclúe os principios de provisión de estabulación, comida, auga e coidados axeitados ás necesidades fisiolóxicas e etolóxicas dos animais, de acordo coa experiencia adquirida e os coñecementos científicos. Tamén inclúe os requisitos que deben cumprir os coidadores dos animais.

Establece, entre outras cousas, a obriga dun libro de rexistro na explotación no que se anoten todos os tratamentos médicos realizados, así como o número de animais mortos descubertos nas inspeccións que se deben facer regularmente. O devandito rexistro debe ser conservado durante 3 anos como mínimo.

Esta norma non se aplica aos animais que viven no medio natural, aos destinados a participar en competicións, exposicións ou actos ou actividades culturais ou deportivas, aos animais destinados a experimentación e aos animais invertebrados.

A Decisión 2000/50/CE da Comisión (DO L 19) harmoniza o formato, o contido e a periodicidade dos informes que se deben remitir á Comisión Europea de acordo coa Directiva 98/58/CE.

Ademais desta lexislación xeral, existen outras normas que establecen as características específicas das condicións de cría dalgunhas especies gandeiras, como son as que afectan ao vacún (puchos menores de 6 meses), ao porcino e ás galiñas poñedoras.

Vacún
O Real Decreto 1047/1994 do 20 de maio (BOE do 7 de xullo), modificado polo RD 229/98 (BOE do 17 de febreiro) -texto completo en pdf-, establece as normas mínimas específicas para a protección dos puchos nas explotacións gandeiras. Esta norma establece os espazos mínimos nas explotacións de puchos, as condicións de cría dos mesmos e os controis a realizar polos organismos competentes das Comunidades Autónomas. Así mesmo, establece que para ser importados no territorio estatal, os animais procedentes dun país terceiro deberanse acompañar dun certificado expedido pola autoridade competente dese país que certifique que os mesmos se beneficiaron dun trato, cando menos, equivalente ao concedido aos animais de orixe comunitaria.

Porcino
O 1 de xaneiro de 2003 entrou en vigor o Real Decreto 1135/2002, do 31 de outubro (BOE 20 de novembro) -texto completo en pdf- relativo ás normas mínimas para a protección dos porcos. Esta normativa, que derroga o Real Decreto 1048/1994, do 20 de maio, incorpora ao ordenamento xurídico español as Directivas 2001/88/CE e 2001/93/CE, que modifican a Directiva 91/630/CE.

Desta normativa pódense salientar varios puntos. Dende o punto de vista do manexo de animais, establécense, entre outras cuestións, a idade de desteta, as condicións para levar a cabo mutilacións, ou condicións sobre o tipo de chans utilizables; ademais, os animais deben ter acceso permanente a materiais para a súa manipulación. Tamén se establece un nivel máximo de ruído e mínimo de luz. Por outra banda, é obrigatorio que o persoal encargado do coidado dos animais reciba formación específica sobre benestar animal. Introdúcense outras normas en canto a deseño de instalacións cuxo prazo máximo de posta en vigor é o 1 de xaneiro de 2013.

Aves
Galiñas poñedoras O Real Decreto 3/2002 do 11 de xaneiro, polo que se establecen as normas mínimas de protección das galiñas poñedoras -texto completo en pdf- (B.O.E. do 15 de xaneiro de 2002) é a transposición da Directiva 1999/74/CE. Esta norma vai modificar aos poucos, de xeito significativo, as condicións de cría destes animais. Prohíbense as novas instalacións de gaiolas non acondicionadas a partir do 1 de xaneiro de 2003, establécense condicións máis esixentes para os sistemas alternativos de cría dende o 1 de xaneiro de 2002 nas explotacións de nova creación. Ademais, e a partir do 1 de xaneiro de 2007 será obrigatorio que todas as explotacións de cría mediante sistemas alternativos se adapten ao citado Real Decreto. Para rematar, a partir do 1 de xaneiro de 2012 prohíbese o uso de gaiolas non acondicionadas.

Outras producións avícolas Non existe normativa Comunitaria relativa ás condicións que deben reunir o resto das producións avícolas.

No Real Decreto 1084/2005, do 16 de setembro, de ordenación da avicultura de carne regúlanse algúns aspectos de benestar animal -texto completo en pdf-.

As condicións para a produción doutras aves (incluídos os animais utilizados para a produción de foie-gras), veñen fixadas polas recomendacións do Consello de Europa incluídas no punto A de este texto.

En canto ao benestar dos patos e gansos criados para a produción de foie-gras, pódese consultar o Informe do comité Científico da Unión Europea, na súa páxina web.

Informe (278 kb, inglés)

Normativa sobre animais de peletería
As normas que regulan o benestar dos animais criados para peletería son as xerais descritas no RD 348/00 do 10 de marzo relativo á protección dos animais nas explotacións gandeiras.

O Real Decreto 54/1995 do 20 de xaneiro, que regula a protección no momento do sacrificio dos animais, -texto completo en pdf- describe no seu anexo F os métodos de matanza dos animais de peletería. Relátanse os métodos autorizados e os requisitos especiais de aplicación de cada un destes.

O Comité científico da Unión Europea publicou un informe sobre o benestar dos animais de peletería. Este informe pódese consultar na seguinte ligazón:

Informe (862 kb, inglés)

e a súa corrección de erros en:

Corrección de erros (159 kb, inglés)

Normativa sobre o transporte de animais
A partir do 5 de xaneiro de 2007 a normativa básica nesta materia é o Regulamento (CE) Nº 1/2005, do Consello do 22 de decembro de 2004, relativo á protección dos animais durante o transporte e as operacións conexas e polo que se modifican as Directivas 64/432/CEE e 93/119/CE e o Regulamento (CE) nº 1255/97 (DO L 3 de 5 de xaneiro) -texto completo en pdf-.

Esta norma é complementada polo Real Decreto 751/2006, do 16 de xuño, sobre autorización e rexistro de transportistas e medios de transporte de animais, e polo que se crea o Comité español de benestar e protección dos animais de produción -texto completo en pdf- que establece a creación dun rexistro xeral de transportistas, contedores e medios de transporte, de carácter estatal, que se nutrirá dos rexistros existentes nas Comunidades Autónomas. Con este Real Decreto desenvólvese o artigo 47 da Lei 8/2003, de Sanidade animal, e o relativo ao rexistro de transportistas e medios de transporte previsto no Regulamento (CE) nº 1/2005.

Pódense destacar algúns puntos da nova normativa, como os que se sinalan a continuación, pero o máis práctico é dirixirse aos Servizos Veterinarios Oficiais da se ten dúbidas en canto á interpretación da mesma. Ademais, existe normativa autonómica específica que pode ser de aplicación nesta materia.

No caso de empresas transportistas de países non membros da Unión Europea que queiran exercer a súa actividade profesional en España, téñense que dirixir ao Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación.

Algúns puntos a destacar destas novas normativas son:

» Actualízanse moitos aspectos relativos aos transportistas, medios de transporte e contedores así como as condicións para a autorización e rexistro dos mesmos.

» En particular, as condicións dos transportistas, medios de transporte e contedores que realizan viaxes de máis de 8 h cambiaron substancialmente.

» Os transportistas deben ter formación en materia de benestar animal, e posuír unha certificación nesta materia a partir do 5 de xaneiro de 2008. » Tamén debe ter esta formación o persoal dos centros de concentración autorizados de acordo coa normativa comunitaria.

» En canto á documentación que acompaña a un movemento de animais é de destacar a obriga de levar a bordo do medio de transporte determinada documentación (copia da autorización como transportista, autorización do medio de transporte e rexistro de actividade, entre outros).

» O antigo "plan de viaxe", para os desprazamentos de máis de 8h de duración e que cruzan unha fronteira, chámase agora “caderno de a bordo ou folla de ruta”, sendo o seu modelo e a súa xestión distinta da existente ata agora.

» A nova normativa introduciu novidades para o transporte dalgúns tipos de animais, segundo a súa idade e peso, e para o transporte de équidos.

A Decisión 2001/298/CE (DO L 102) modifica os modelos de certificado que deben acompañar os animais para asegurar que no momento da inspección se atopaban en condicións de facer a viaxe.

As paradas obrigatorias que deben realizar os transportes de animais cando superen unha determinada cantidade de horas (fixada no Regulamento (CE) nº 1/2005, para cada especie) débense realizar nos lugares autorizados ao efecto pola autoridade competente, xa que non se denominan puntos de parada senón postos de control. As características destes postos de control veñen fixadas no Regulamento (CE) nº 1255/97 do Consello do 25 de xuño de 1997 (DO L 174) -texto completo en pdf- sobre criterios comunitarios que deben cumprir os puntos de parada e polo que se adapta o plan de viaxe mencionado no Anexo da Directiva 91/628/CEE, (modificado polo R (CE) nº 1040/2003 do Consello do 11 de xuño de 2003 DO L 151 -texto completo en pdf- e polo Regulamento (CE) nº 1/2005).

O listado de puntos de parada autorizados na Unión Europea actualízase periodicamente e pódese consultar na seguinte ligazón:

forum.europa.eu

Para obter información adicional sobre as condicións de viaxe dos animais por vía aérea, pódese consultar este enderezo:

www.iata.org

O pago das restitucións á exportación de animais vivos no sector vacún está ligado ao cumprimento da normativa sobre benestar animal durante o transporte. Este aspecto vén organizado polo Regulamento (CE) nº 639/2003 da Comisión, do 9 de abril -texto completo en pdf-. Este foi modificado polo Regulamento (CE) nº 2187/2003, do 15 de decembro. -texto completo en pdf- e, a partir do 1 de xaneiro de 2007, polo Regulamento (CE) nº 354/2006, da Comisión, do 28 de febreiro -texto completo en pdf-.

Normativa sobre a protección dos animais no momento do sacrificio
A normativa vixente en materia de protección dos animais durante o seu sacrificio ten por obxecto adoptar normas mínimas para garantir que se evite calquera dor ou sufrimento innecesario, e asegurar ao tempo o desenvolvemento racional da produción e a realización do mercado interior de animais e produtos animais, evitando posibles distorsións á competencia.

A norma básica na materia é o RD 54/1995 do 20 de xaneiro (BOE 15 de febreiro) -texto completo en pdf-. Neste Real Decreto fíxanse as condicións aplicables á estabulación dos animais nos matadoiros, a inmobilización dos animais antes do seu atordamento, sacrificio ou matanza e os métodos autorizados para o atordamento e a matanza. Regúlanse tamén as condicións do sacrificio e matanza fóra dos matadoiros. Contémplase así mesmo a posibilidade de sacrificios realizados segundo determinados ritos relixiosos.

Este Real Decreto non é aplicable aos experimentos científicos (que teñen a súa propia normativa), aos animais aos que se dea morte en manifestacións culturais e deportivas e á caza silvestre.

Novidades

Normativa sobre o benestar dos animais na granxa
O Comité científico elaborou un informe sobre saúde e benestar animal dos polos de carne (broiler), adoptado o 21 de marzo de 2000, que se pode atopar na seguinte ligazón: Informe polos (90 kb, inglés) O 30 de maio de 2005, a Comisión Europea adoptou unha proposta de Directiva do Consello pola que se establecen as disposicións mínimas para a protección dos polos destinados á produción de carne. A devandita proposta pódese atopar en:  Proposta (267 kb) Os Estados membros atópanse na actualidade negociando a devandita proposta, con vistas a que sexa aprobada nos próximos meses polo Consello da Unión Europea.

Normativa sobre o transporte dos animais
No ámbito comunitario estase traballando no desenvolvemento de dous aspectos da normativa nesta materia, en relación cos medios de transporte por estrada para viaxes de máis de oito horas: as especificacións técnicas dos sistemas de navegación e os límites de temperatura dentro dos vehículos nos que se pode transportar animais.

Con todo, aínda non se chegou a ningún acordo, polo que a normativa aplicable é o Regulamento (CE) Nº 1/2005, do Consello do 22 de decembro de 2004, relativo á protección dos animais durante o transporte e ás operacións conexas e polo que se modifican as Directivas 64/432/CEE e 93/119/CE e o Regulamento (CE) nº 1255/97 (DO L 3 de 5 de xaneiro). Son de especial interese o artigo 6.9 e o Anexo I, Capítulo VI, puntos 3 e 4.

Normativa sobre a protección dos animais no momento do sacrificio
O Panel de Saúde e benestar animal da Axencia Europea de Seguridade Alimentaria (EFSA) adoptou dúas opinións, a petición da Comisión, sobre os aspectos de benestar animal dos principais sistemas de atordamento e sacrificio, que se poden atopar en:

www.efsa.eu.int

www.efsa.europa.eu

Benestar

© Copyright. Consellería do Medio Rural e do Mar. Xunta de Galicia. Todos os dereitos reservados. Aviso Legal
RSS