Normativa vixente en comunicacións de queima de restos agrícolas amoreados
A queima non se iniciará antes de saír o sol e quedará totalmente extinguida dúas horas antes do momento da súa posta.
Previamente ao seu inicio, farase unha devasa mediante a eliminación manual ou mecánica da totalidade do material combustible nunha franxa de polo menos cinco metros de largo, rodeando o perímetro que se vai queimar.
Non poderá iniciarse ningunha queima cando as condicións meteorolóxicas poidan dificultar o seu control, especialmente nos días de vento. Así mesmo, se iniciados os traballos se producise a aparición de vento, suspenderase inmediatamente a operación procedendo a apagar o lume.
Non se abandonará a vixilancia da zona queimada, ata que o lume estea totalmente apagado e transcorresen dúas horas sen que se observen lapas ou brasas.
O Servizo de Prevención e Defensa contra Incendios Forestais poderá suspender temporalmente as comunicacións de queima, se as condicións meteorolóxicas así o aconsellan.
A comunicación de queima non eximirá en ningún caso das responsabilidades por danos e perdas a que houbera lugar no caso de producirse un incendio forestal polo uso do lume cando concorra neglixencia ou imprudencia.