Medio Rural
Inicio >> Áreas >> Espazos protexidos >> Rede galega >> ZEPVN >> Xubia Castro
Escoitar arquivo de voz Pdf Imprimir

Xubia - Castro

Tramo medio e baixo do río Grande de Xubia entre a incorporación do río das Ferrerías e a súa desembocadura na ría de Ferrol. Tamén comprende a subconca do seu máis importante tributario, o río Castro e o seu afluente o Cando. Estes dous últimos bordean e introdúcense na serra de Forgoselo, que tamén forma parte do LIC. O rango altitudinal vai dos cero aos 545 m s.n.m., cunha media de 407 m.

Migmatitas granitoides e gneis nas proximidades da súa desembocadura, e esquistos, e en menor medida filitas e grauvacas, ao longo do resto da conca, compoñen o substrato litolóxico. A serra de Forgoselo deslíndase nitidamente do resto, pois está conformada por un macizo claramente alóctono e con áreas de contacto cortantes ou encaixantes, con fortes desniveis sobre todo ao longo da súa cara norte, en claro contraste coa superficie máis ou menos aplanada que conforma a súa parte alta, e que se elevan desde os 100 m a beiras do río Castro ata os 667 m do monte Fontardión, xa fóra deste espazo natural. Integrada por granitos de dúas micas, a área posúe interesantes mostras de xeomorfoloxía granítica.

O trazado do río Grande de Xubia pode considerarse intermedio entre sinuoso e meandrizante e o desnivel dentro do espazo protexido é escaso, dun 0,4% á altura do río das Ferrerías a un 0,3% preto da súa desembocadura, onde, porén, encaixa finalmente antes de abrirse á ría durante uns 4 km. O seu réxime fluvial é do tipo pluvial atlántico e o seu caudal absoluto de 5,5 m3/seg, máximo entre os meses de decembro e marzo, cun pico en febreiro.

Pertence á rexión eurosiberiana, provincia atlántica-europea e subprovincia cántabro-atlántica, e adscríbese ao sector galaico-asturiano. Dominio climático oceánico húmido, cunha temperatura media de 13,8 ºC e unha precipitación media anual de 1.388 m na conca baixa, que se incrementa ata máis de 1.900 mm na serra de Forgoselo.

Información detallada

Mapa topográfico (10 Mb)


© Copyright. Consellería do Medio Rural e do Mar. Xunta de Galicia. Todos os dereitos reservados. Aviso Legal
RSS