Medio Rural
Inicio >> Áreas >> Espazos protexidos >> Rede galega >> ZEPVN >> Serra do Xistral
Escoitar arquivo de voz Pdf Imprimir

Serra do Xistral

Extensa área montañosa do norte de Lugo, na que se integran as serras do Xistral, A Toxiza e A Carba, servindo de separación natural ás comarcas da Mariña e A Terra Chá. Área moi pouco poboada, con aldeas escasas e moi dispersas, numerosas cabezas de gando pastando en semiliberdade e, desde finais da pasada década, intenso aproveitamento da enerxía eólica. A importancia do espazo natural nos ámbitos xeomorfolóxico e botánico, sobre todo, é excepcional.

Os movementos tectónicos, a erosión fluvial e os procesos derivados do frío, principalmente os de tipo periglaciar, actuaron sobre as antigas superficies aplanadas hercínicas e deron lugar á peculiar e contrastada paisaxe destas serras, con fortes pendentes e vales moi encaixados en vellas fracturas por onde discorren os cursos fluviais, e extensas zonas amesetadas ou de relevo ondulado e suave nas partes máis altas. As altitudes correspóndense cos pisos biolimático colino e montano inferior, cunha media de 700 m s.n.m. e extremos que van desde os 135 e os 1.062 do monte Cadramón. Outros picos notables son os de Seixo Branco (1.057 m), Chao de Lamoso (1.039 m), Xistral (1.031 m) e Lombo Pequeno (1.027 m). Numerosos ríos, algúns deles importantes, teñen o seu nacemento e cabeceira nestas montañas, como é o caso do Eume e os cantábricos Landro, Ouro e Masma, ademais dun gran número de pequenos afluentes destes, como o Fragavella, o Pedrido ou o Besteburiz, que discorren cara ao norte e oeste, e incluso da conca do Miño, como o Trimaz, o Madalena, o Arnela, o Batán ou o Labrada.

A área pertence á rexión eurosiberiana, provincia atlántica-europea e subprovincia cántabro-atlántica, adscribíndose ao sector galaico-asturiano. Enclávase no dominio climático oceánico de montaña, aínda que as vertentes noroccidentais enlazan co oceánico húmido, e o rebordo meridional (serra da Carba) co oceánico continental. As precipitacións medias anuais, que roldan os 1.000-1.400 mm nas partes baixas e vales que rodean o espazo natural, increméntanse ata superaren os 1.800 mm nas partes altas, situándose por encima dos 2.000 mm nos cumios. Non hai estación seca, sendo moi frecuente a nebulosidade de estancamento e a chuvisca durante o verán. Así mesmo, as temperaturas son frescas, con medias anuais de 9-10 ºC e apenas 17 ºC durante o verán. As xeadas e precipitacións en forma de neve son relativamente frecuentes.

 

Información detallada

Documento de análise e valoración da serra (12,9 Mb)

Mapa topográfico (33 Mb)


© Copyright. Consellería do Medio Rural e do Mar. Xunta de Galicia. Todos os dereitos reservados. Aviso Legal
RSS