Medio Rural
Inicio >> Áreas >> Espazos protexidos >> Rede galega >> ZEPVN >> Río Ouro
Escoitar arquivo de voz Pdf Imprimir

Río Ouro

Curso medio e baixo do río Ouro, que discorre en gran parte polo val do Valadouro cunha leve pendente (0,29%) e, tras encaixarse lixeiramente cara á metade do seu percorrido polo espazo protexido, salva os últimos 20 m de desnivel ao longo de pouco máis de 5 km, cunha pendente do 0,37%. O seu leito considérase sinuoso. O réxime fluvial é do tipo pluvial oceánico, cun caudal absoluto de 3,4 m3/seg, e alcanza os seus niveis máximos entre decembro e marzo, cun pico en febreiro. O rango altitudinal do LIC é de 0-60 m, cunha media de 19 m.

A influencia das augas mariñas faise notar sobre 24 ha, e aféctalle a un pequeno esteiro, coñecido por ría de Fazouro, case totalmente colonizado por marismas que, ao leste da súa boca, se abre á barra areosa da praia da Pampillosa e O Sarrido, límite externo do espazo natural.

O marco litolóxico é de carácter principalmente metamórfico, constituído por esquistos e cuarcitas, e é de elevado interese a existencia de terrazas fluviais pleistocenas, como as que poden encontrarse en Lagoa ou en Trasmonte (O Valadouro).

Pertence á rexión eurosiberiana, provincia atlántica-europea e subprovincia cántabro-atlántica, e adscríbese ao sector galaico-asturiano. Dominio climático oceánico húmido, cunha precipitación media anual no curso baixo de 930 mm, temperatura media de 14,1 ºC e ausencia de xeadas.

Información detallada

Mapa topográfico (6,6 Mb)


© Copyright. Consellería do Medio Rural e do Mar. Xunta de Galicia. Todos os dereitos reservados. Aviso Legal
RSS