Tramo de curso baixo do río Lérez (altura media: 66 m), ao longo dos seus últimos 18 km, desde Mourente, nas inmediacións da cidade de Pontevedra, ata as proximidades dos lugares de Praderrei e Fentáns, leito arriba. Nesta zona, o río presenta un percorrido sinuoso e de escasa pendente (0,35%), e discorre sobre un substrato petrolóxico principalmente granítico e, nalgúns puntos, de gneis glandular. Entre os pequenos afluentes que se lle incorporan destacan o río Almofrei e os regatos dos Calvos, Maneses e Tenorio. Á altura de Campo Lameiro o seu caudal absoluto é de 14,4 m3/seg, mentres que na súa desembocadura é de 21,2 m3/seg. Como corresponde á área xeográfica na que se inclúe, o período de maior caudal vai de decembro a marzo, con máximos en febreiro, mentres que os mínimos alcánzanse en setembro. Boa parte do tramo protexido coincide cos coutos de pesca de Monteporreiro (4 km), Bora (6,5 km) e Cutián (6,2 km).
Pertence á rexión eurosiberiana, provincia atlántica-europea e subprovincia cántabro-atlántica, e adscríbese ao sector galaico-portugués. Dominio climático oceánico húmido con tendencia á aridez estival, cunha precipitación media anual oscilante entre os 1.600 mm (Pontevedra) e os 2.000 mm (Campo Lameiro), temperaturas medias desde os 15,2 ºC aos 11,8 ºC e ausencia de xeadas no seu sector máis baixo, que inciden xa considerablemente, ata unha media de 99 días anuais, no seu tramo más alto.
