Curso medio e baixo do río Landro, ao longo dos seus últimos 16 km. O seu trazado na parte alta do espazo natural, pouco máis abaixo da incorporación do río das Balsadas, é relativamente encaixado e cunha pendente moderada a suave (1,2%) ao longo duns 5 km, aínda que axiña, augas abaixo de Chaos, penetra no val do estuario e modérase aínda máis, ata unha inclinación de só o 0,3%. En conxunto, o leito é de tipo sinuoso. Incorpóraselle pola esquerda o río Bravos ou de Galdo, tamén incluído no LIC ata as inmediacións do lugar de Teixos, que mantén unha fisionomía similar á da parte alta do Landro. O réxime fluvial é do tipo pluvial oceánico, cun caudal absoluto de 7,1 m3/seg, alcanzando os seus niveis máximos entre decembro e febreiro, cun pico neste mesmo mes. O rango altitudinal do LIC é de 0-80 m, cunha media de 24 m.
A influencia das augas mariñas faise notar sobre 80 ha, alcanzando case 5 km río arriba desde a súa desembocadura, ata a altura de Landrove. A área do estuario incluída no LIC chega río abaixo ata a ponte do ferrocarril, pouco antes de Viveiro. Entre Portochao e esta zona localízase unha importante extensión de marismas.
A área aséntase sobre unha intrusión de granitos de dúas micas na súa parte baixa, e por esquistos da denominada serie de Vilalba no resto da conca afectada polo LIC.
A área pertence á rexión eurosiberiana, provincia atlántica-europea e subprovincia cántabro-atlántica, e adscríbese ao sector galaico-asturiano. Enclávase no dominio climático oceánico húmido, cunha precipitación media anual de 1.412 mm e unha temperatura media de 13 ºC.
