Medio Rural
Inicio >> Áreas >> Espazos protexidos >> Rede galega >> ZEPVN >> Río Eo
Escoitar arquivo de voz Pdf Imprimir

Río Eo

Esteiro do río Eo e un extenso tramo fluvial que abarca a totalidade das concas baixa e media do mesmo río. Na súa sección máis alta inclúe boa parte dos leitos da subconca do seu principal colector secundario, o río Rodil, así como pequenos tramos doutros afluentes que se lle incorporan augas abaixo (Turia, Trabada). A superficie que cobren as augas mariñas no esteiro é de 504 ha. O rango altitudinal vai dos 0 aos 810 m sobre o nivel do mar, cunha media de 71 m.

A conca do Eo pertence ao dominio do Manto de Mondoñedo, enclavado na zona asturoccidental-leonesa do Macizo Hespérico. No seu curso baixo presenta importantes depósitos cuaternarios. Así, entre A Pontenova e o esteiro localízanse na beira esquerda varias terrazas fluviais antigas, situadas entre 5 e 30 m do curso actual, e poden observarse así mesmo chairas aluviais e de fondo de vagoada, que se interpretan como depósitos actuais ou subactuais holecenos. A grandes trazos, o substrato litolóxico está composto por lousas, pedra gra, esquistos e cuarcitas, con intercalacións de calcarias.

A ría de Ribadeo considérase un esteiro de val inundado. A súa parte máis externa (entre Ribadeo e a illa Pancha, xa en mar aberto) está flanqueada por costa rochosa baixa. Os bancos de area predominan nos tramos medio e externo do esteiro, mentres que a metade interna presenta extensas chairas intermareais lamacentas, que se encontran parcialmente cubertas por pradarías de fanerógamas mariñas. A zona máis interna, próxima a Vegadeo, está ocupada por marismas. Os terreos elevados que rodean a ría están ocupados por núcleos urbanos (con instalacións portuarias en Ribadeo), áreas agrícolas e plantacións forestais.

Entre a súa parte alta ata a súa desembocadura, o Eo non presenta unha forte pendente, e a súa inclinación é suave e case constante. Esta ausencia de desniveis acusados choca coa morfoloxía da súa conca entre Ribeira de Piquín e A Pontenova, onde aparece profundamente encaixado entre montes que chegan a superar os 600 m de altura, aínda que cunha pendente xeral do 0,6%. A partir da Pontenova e ao longo dos seus últimos 20 km a pendente redúcese ao 0,38%, que incluso é inferior entre San Tirso de Abres e a ría (0,15%). De acordo co índice de sinuosidade, o seu curso pode considerarse ''meandrizante''.

O seu réxime é pluvial oceánico, cun caudal absoluto de 24,4 m3/seg, e alcanza os seus niveis máximos entre decembro e marzo, cun pico en febreiro.

A área pertence á rexión eurosiberiana, provincia atlántica-europea e subprovincia cántabro-atlántica, e adscríbese ao sector galaico-asturiano. Dominio climático oceánico húmido, cunha precipitación media anual de 1.019 mm, temperatura media de 13,9 ºC e ausencia de xeadas no tramo baixo.

 

Información detallada

Mapa topográfico (30 Mb)


© Copyright. Consellería do Medio Rural e do Mar. Xunta de Galicia. Todos os dereitos reservados. Aviso Legal
RSS