Tramos alto e medio da subconca do río Cabe, afluente do Sil. O espazo natural abarca desde moi cerca do seu nacemento (monte de Loureira, O Incio) ata o lugar onde se produce a incorporación do seu afluente o río Ferreira (Pantón). Inclúe, así mesmo, tramos dos seus tributarios o Carabelos, o Cinsa e o Mao, co seu afluente o Noceda. O rango altitudinal é de 280-820 m s.n.m., cunha media de 492 m.
Ao longo dos seus primeiros quilómetros, aproveitando unha fractura norte-sur entre os 900 e os 500 m de altitude, o Cabe descende encaixado e en forte pendente (8%), aínda que esta diminúe considerablemente ata o nivel dos 400 m (2,3%); a partir de aquí intérnase na depresión de Lemos e ao longo do resto do seu percorrido discorre bastante mansamente entre cotas duns 280-350 m, mantendo unha inclinación menor do 1%. O seu caudal absoluto é de 9,5 m3/seg e concéntrase entre decembro e marzo, cun máximo en febreiro, producíndose un marcado descenso de nivel entre xullo e setembro.
Aínda que a área pertence á rexión eurosiberiana, provincia atlántica-europea e subprovincia cántabro-atlántica, adscribíndose ao sector galaico-portugués, atópase case no límite co sector laciano-ancarense da subprovincia orocantábrica e non lonxe da rexión mediterránea (sector berciano-sanabrés). Non estraña, polo tanto, que o seu dominio climático sexa especialmente complexo, encontrándose parcialmente no ámbito do oceánico de montaña, oceánico continental e oceánico mediterráneo. As precipitacións son considerablemente variables segundo os sectores, cunha media anual que oscila entre 1.086 e 823 mm, unhas temperaturas medias de 13,9 a 13,2 ºC e 240 días libres de xeadas (en Monforte de Lemos).
