Medio Rural
Inicio >> Áreas >> Espazos protexidos >> Rede galega >> ZEPVN >> Río Anllóns
Escoitar arquivo de voz Pdf Imprimir

Río Anllóns

Curso medio e baixo do río Anllóns, excluído o estuario propiamente dito (que se integra no veciño LIC A Costa da Morte); esténdense entre Carballo e o lugar de Anllóns, nas proximidades de Ponteceso. Así mesmo, comprende no seu tramo máis alto a parte inferior do curso do Rego da Balsa e do seu maior tributario pola beira esquerda, o río Rosende, co seu afluente o río Grande. En conxunto, o espazo natural abarca uns 45 km de leitos fluviais.

O curso do Anllóns é sinuoso, aínda que discorre sobre unha ampla superficie aplanada, de xeito que o seu perfil lonxitudinal presenta, ao longo da área protexida, unha escasa pendente global, de arredor dun 0,4%, e descende desde uns 100 m sobre o nivel do mar ata o nivel deste. Unicamente no tramo de Verdes (Coristanco) acusa un certo encaixamento, e pasa de 80 a 40 m de altitude ao longo de 7,5 km incrementando levemente a pendente (0,53%). Augas abaixo, nos últimos 13 km, o río recupera e intensifica o seu carácter plano, e mantense por debaixo do 0,3%. O seu caudal medio é de 9,93 m3, cun módulo específico de 22,98 l/seg/km2, o que permite cualificalo de forte. Ao longo dos seus cursos, estes ríos atravesan unha área litoloxicamente complexa, na que se suceden esquistos, anfibolitas, rochas ultrabásicas serpentinizadas, gneises, migmatitas granitoides e granitos de dúas micas.

Pertence á rexión eurosiberiana, provincia atlántica-europea e subprovincia cántabro-atlántica, e adscríbese ao sector galaico-portugués. Dominio climático oceánico húmido, en transición ao oceánico hiperhúmido, cunha precipitación de 1.263 mm (estación de Carballo), concentrada entre os meses de novembro e marzo (máximo caudal en xaneiro e febreiro), unha temperatura media de 12,4 ºC e un mínimo de 228 días libres de xeada.

 

Información detallada

Mapa topográfico (5,4 Mb)


© Copyright. Consellería do Medio Rural e do Mar. Xunta de Galicia. Todos os dereitos reservados. Aviso Legal
RSS