Complexo estuarino formado polas desembocaduras dos ríos Mera, Baleo e outros cinco cursos de auga de menor entidade. Pertence á rexión eurosiberiana, provincia atlántica-europea e subprovincia cántabro-atlántica, e adscríbese ao sector galaico-asturiano, cunha precipitación media anual de arredor de 1.100 mm, temperatura media de 13 ºC e ausencia case total de xeadas. O rango altitudinal vai dos cero aos 117 m s.n.m.
A área está constituída por dous sistemas: un típico de estuario de val fluvial afundido, formado fundamentalmente pola desembocadura do río Mera (ría de Ortigueira propiamente dita), e outro de estuario con barra sedimentaria, correspondente á enseada de Ladrido. Predominan as superficies intermareais e submareais (1.633 ha, ata a isóbata de 5 m), con predominio de limos nos tramos internos e de areas na parte exterior de ambos os sistemas. Boa parte das chairas intermareais e os leitos submareais están cubertos por pradarías de Zostera. As enseadas de Mera e de Ladrido, e en menor medida outros sectores, están parcialmente ocupados por extensas xunqueiras e pradarías de Spartina. Na parte exterior do espazo natural existe un areal, a praia de Morouzos (3 km), que se prolonga en forma de frecha litoral, pechando parcialmente a enseada ou ría de Ladrido. O sistema dunar asociado é relativamente extenso, aínda que está inactivado en parte por plantacións de piñeiros. Pradarías de trasduna, pequenos bosquetes pantanosos, ribeiras rochosas e acantilados baixos (incluíndo a illa de San Vicente, fronte á praia de Morouzos) son outros hábitats naturais ou seminaturais salientables. Completa o conxunto unha importante extensión de prados, labrados e plantacións forestais.

Información detallada
