Curso medio e baixo do río Masma, incluíndo pequenos tramos dos seus tributarios: o Fraga Vella, o Valiñadares (co seu afluente o Cesuras) e o Batán, así como o seu esteiro, a ría de Foz. O rango altitudinal vai dos 0 aos 85 m sobre o nivel do mar, cunha altura media de só 8 m, de maneira que o leito do Masma, aínda que sinuoso, non presenta fortes desniveis nin chanzos, e mantén unha pendente moi baixa, oscilante entre un 0,4% entre Viloalle e Masma e un 0,25% nos seus últimos 8 km. O seu réxime é pluvial oceánico, cun caudal absoluto de 6,3 m3/seg, alcanzando os seus niveis máximos entre outubro e marzo, cun pico en decembro.
A boca do esteiro está parcialmente pechada por unha frecha litoral areosa (praia de Altar) e por instalacións portuarias e de defensa de costas (praia da Rapadoira). Os depósitos areosos prolónganse cara ao intermareal estuárico no terzo externo da zona húmida, mentres que cara ao interior predominan as chairas lamacentas ou areoso-lamacentas, cubertas parcialmente por pradarías mariñas e marismas. Os arredores están ocupados basicamente por áreas agrícolas e plantacións forestais de piñeiros e eucaliptos. A superficie de augas mariñas é de 343 ha.
Pertence á rexión eurosiberiana, provincia atlántica-europea e subprovincia cántabro-atlántica, e adscríbese ao sector galaico-asturiano. Dominio climático oceánico húmido, cunha precipitación media anual de 930 mm, temperatura media de 14,1 ºC e ausencia de xeadas.
