Medio Rural
Inicio >> Áreas >> Espazos protexidos >> Rede galega >> ZEPVN >> Ría de Foz
Escoitar arquivo de voz Pdf Imprimir

Ría de Foz

Esteiro do río Masma, que inclúe un pequeno tramo (2 km) de meandros do curso baixo do río, aínda baixo influencia mareal. Pertence á rexión eurosiberiana, provincia atlántica-europea e subprovincia cántabro-atlántica, e adscríbese ao sector galaico-asturiano. Dominio climático oceánico húmido, cunha precipitación media anual de 930 mm, temperatura media de 14,1 ºC e ausencia de xeadas. O rango altitudinal vai dos 0 aos 15 m sobre o nivel do mar.

A boca do esteiro está parcialmente pechada por unha frecha litoral areosa (praia de Altar) e polas instalacións portuarias e para a defensa de costas (praia da Rapadoira). Os depósitos areosos prolónganse cara ao intermareal estuárico no terzo externo da zona húmida, mentres que cara ao interior predominan as chairas lamacentas ou areoso-lamacentas, cubertas parcialmente por pradarías densas de Zostera noltii, con algúns retallos de xunqueira e espartal na parte máis interna. Nas inmediacións do esteiro (beira oriental) encóntrase unha lagoa creada nunha antiga explotación de áridos. No curso baixo do Masma aparecen manchas de xunqueira e arboredos riparios. Os arredores do esteiro están ocupados principalmente por pradarías e plantacións forestais.

 

Información detallada

Mapa topográfico (2,7 Mb)


© Copyright. Consellería do Medio Rural e do Mar. Xunta de Galicia. Todos os dereitos reservados. Aviso Legal
RSS