Medio Rural
Inicio >> Áreas >> Espazos protexidos >> Rede galega >> ZEPVN >> Parga Ladra Támoga
Escoitar arquivo de voz Pdf Imprimir

Parga - Ladra - Támoga

Trátase dunha conca alta do río Miño entre as localidades de Xustás e Lugo que inclúe unha serie de zona húmidas próximas e coñécese por complexo húmido da Terra Chá. O espazo natural comprende boa parte dos afluentes principais do Miño pola beira dereita: o Ladra, ao que se lle incorporan o Parga (e o seu afluente o Requeixo), o Labrada, o Trimaz e o Madalena, así como o Támoga, o Narla e outros pequenos tributarios destes. A área é eminentemente agrícola e gandeira, dedicándose grandes extensións á produción forraxeira.

Gran parte do LIC enclávase na depresión central da comarca da Terra Chá, unha extensa zona chá ou levemente ondulada que ocupa os termos municipais de Castro de Rei, Cospeito e Rábade e se sitúa aproximadamente entre os 380 e os 450 m de altitude. Neste sector atópanse as lagoas de Cospeito e outra serie de pequenas lagoas e áreas hidromorfas, como as lagoas de Santa Cristina, Seixas e Toiral ou a Vaxunga de Xermar, entre outras de menor entidade. A un segundo nivel, entre os 450 e os 540 m (máxima altura do LIC) encóntranse as subconcas do Ladra, o Parga e o Narla, nunha paisaxe máis pronunciadamente ondulada, por partes lixeiramente accidentada, en transición cara ás elevacións da Dorsal Galega e áreas montañosas próximas, onde nacen todos estes ríos, ocupando os municipios de Lugo, Outeiro de Rei, Friol, Begonte, Guitiriz, Xermade e Vilalba. O tránsito entre estes dous niveis de aplanamento é suave, véndose favorecido pola acción fluvial e o modelado de glacis (superficies planas e pouco inclinadas). No plano xeolóxico, a área está baixo os dominios do Domo de Lugo e do Ollo de Sapo, cun substrato litolóxico principal de granitos de dúas micas, cuarcitas e xistos. A depresión central está ocupada masivamente por depósitos terciarios e cuaternarios, compostos por arxilas, limos, areas de cuarzo e margas, cuxo grosor supera os 40 m. Debido ás dificultades de drenaxe que presentan, este tipo de depósitos favorecen a existencia de terreos chans e pantanosos, permitindo ademais o lento divagar dos leitos fluviales, a miúdo de tipo anastomosado, con múltiples illas e brazos. Ao longo da área, o Miño presenta un réxime fluvial oceánico con tendencia subcontinental, cun caudal absoluto de 42 m3/seg, máximo en febreiro e mínimo en agosto, mantendo unha pendente moi baixa, aproximadamente dun 0,1 a un 0,2%. O seu principal tributario, o Ladra, libera un caudal de 21 m3/seg, e presenta unhas tendencias similares.

A área pertence á rexión eurosiberiana, provincia atlántica-europea e subprovincia cántabro-atlántica, adscribíndose en termos xerais ao sector galaico-portugués, aínda que o seu extremo norte (área de Xermade) contacta co galaico-asturiano. Dominio climático oceánico continental, con precipitacións medias anuais oscilantes entre os 1.230-1.360 mm do seu sector periférico noroccidental e os 870-1.180 do seu sector sudoriental, temperaturas medias de 11-12 ºC, 170 días libres de xeadas (que son frecuentes e intensas) e nevadas moderadamente frecuentes.

 

Información detallada

Despregable da Lagoa de Cospeito (3,6 Mb)

Lagoa de Cospeito (6,2 Mb)

Documento Pedras de Terra e Auga (75 Mb)

Mapa topográfico (39 Mb)


© Copyright. Consellería do Medio Rural e do Mar. Xunta de Galicia. Todos os dereitos reservados. Aviso Legal
RSS