O LIC componse de dúas partes netamente diferenciadas: en primeiro lugar, ao norte, encóntrase a ría de Ortigueira e Ladrido, espazo litoral de carácter estuárico, dunha singular beleza paisaxística; ao sur, prolongándose desde a ría, esténdese a conca do río Mera, tramo fluvial con áreas de bosques e matogueiras atlánticas. O rango altitudinal vai dos 0 aos 580 m sobre o nivel do mar, cunha media de 75 m.
Pertence á rexión eurosiberiana, provincia atlántica-europea e subprovincia cántabro-atlántica, e adscríbese ao sector galaico-asturiano. Dominio climático oceánico húmido, cunha precipitación media anual de arredor de 1.100 mm e unha temperatura media de 13 ºC na costa.
O complexo estuárico está constituído por dous sistemas: un típico de esteiro de val fluvial afundido, formado fundamentalmente pola desembocadura do río Mera (ría de Ortigueira propiamente dita), e outro de esteiro con barra sedimentaria, correspondente á enseada de Ladrido, onde desemboca o río Baleo. Predominan nel as superficies intermareais e submareais (1.633 ha, ata a isóbata de 5 m), con predominio de limos nas partes máis internas e resgardadas, colonizados por extensas marismas, e de areas na parte exterior de ambos os sistemas ou boca do complexo estuárico. A superficie de augas mariñas abarca 1.690 ha. Ademais de dúas pequenas praias encaixadas entre cantís na parte exterior do esteiro (Fornos e Figueroa), o areal de Morouzos-Cabalar constitúe o maior depósito areoso emerxido, alcanzando 2,85 km de lonxitude, e mantén un extenso sistema dunar (parcialmente fixado por piñeiros) e mantos eólicos con depresións húmidas de trasduna. Fronte a esta praia sitúase a illa de San Vicente (4 ha), de natureza rochosa e case totalmente cuberta por vexetación arbórea e arbustiva. Xa fóra da área marítimo-terrestre completa o conxunto unha importante extensión de prados, labradíos e plantacións forestais.
O río Mera é o máis importante dos cursos fluviais que desaugan na ría de Ortigueira. Entre o seu nacemento na serra da Faladoira e a súa desembocadura cobre unha distancia de 29 km, e discorre considerablemente encaixado mantendo unha pendente media do 1,6%. O seu leito pode ser cualificado de tortuoso. O caudal é moi forte, alcanza un valor anual medio de 5,04 m3/seg de caudal absoluto, con máximos entre decembro e marzo e un valor modal en febreiro. Este réxime é tipicamente fluvial oceánico.
