Medio Rural
Inicio >> Áreas >> Espazos protexidos >> Rede galega >> ZEPVN >> Monte Maior
Escoitar arquivo de voz Pdf Imprimir

Monte Maior

Pequeno enclave montañoso prelitoral pertencente aos montes do Buio, que cos montes dos Cabaleiros forma o cordal de baixa altitude que separa as concas dos ríos Landro e Ouro, constituíndo unha prolongación das denominadas serras setentrionais de Lugo (Xistral-Toxiza). O rango altitudinal, que abarca só a área cuminal do monte, vai dos 320 aos 540 m s.n.m. (Pena Leña), cunha media de 433 m. Esta escasa variación denota a planitude da parte alta, cuxa morfoloxía é, en xeral, suave e de formas redondas, con amplas zonas chás ou case chás, contrastando coas súas ladeiras de pendentes moderadas ou fortes, sobre todo cara á vertente do val do río Landro. O substrato litolóxico está composto por gneis e xistos na parte norte do monte, mentres que a súa metade sur está conformada por granitos alcalinos de dúas micas.

A área pertence á rexión eurosiberiana, provincia atlántica-europea e subprovincia cántabro-atlántica, adscribíndose ao sector galaico-asturiano. Enclávase no dominio climático oceánico húmido, aínda que en transición ao oceánico de montaña, con precipitacións medias anuais de 1.412 mm e temperaturas medias de 13 ºC.

 

Información detallada

Mapa topográfico (3,6 Mb)


© Copyright. Consellería do Medio Rural e do Mar. Xunta de Galicia. Todos os dereitos reservados. Aviso Legal
RSS