Medio Rural
Inicio >> Áreas >> Espazos protexidos >> Rede galega >> ZEPVN >> Monte e lagoa Louro
Escoitar arquivo de voz Pdf Imprimir

Monte e lagoa de Louro

Fronte costeira de mar aberto, duns 15 km de lonxitude, limitada pola baía de Carnota e o extremo noroccidental da ría de Noia, no que alternan tramos de costa rochosa de baixa altura, praias de coios e areais, incluíndo sistemas dunares ben conservados, unha lagoa litoral e unha impresionante elevación granítica (Monte Louro). A extensión de augas mariñas é de 491 ha e cobre principalmente fondos por encima dos 10 m de profundidade, sobre os que afloran algúns baixíos rochosos (Os Forcados, Anguieiro, A Insua), parte dos cales están propostos como Reserva Mariña de Interese Pesqueiro (promovida pola Confraría de Lira, Carnota). Trátase dunha área dunha gran beleza escénica, en particular o complexo de barra litoral, dunas, lagoa e monte en Louro, con forte afluencia turística estival.

O Monte Louro é un pequeno ''inselberg'' ou afloramento rochoso illado, situado no extremo sur do LIC, que se eleva abruptamente sobre unha plataforma de abrasión ou rasa ata unha altura de 239 m. Está constituído por granitos de dúas micas, de gran fino, e granitos con megacristais de gran medio, e pódense observar nel frecuentes exemplos de micromodelado (pías e cacholas). Estes fenómenos, así como a presenza da rasa costeira e o complexo de barra dunar e lagoa litoral outórganlle un alto valor xeomorfolóxico á área, que foi cualificada Punto de Interese Xeolóxico (PIG C-116) de importancia nacional.

Os depósitos areosos de praia e duna teñen un gran protagonismo no espazo natural e abarcan 4,6 km de fronte litoral, na que aparecen desde praias do peto, como as de Simprón ou Ancoradoiro, ata areais de gran desenvolvemento, como os de Lariño (1,9 km) ou Area Grande (1,5 km), onde poden observarse numerosas macroformas erosivas e sedimentarias, como o sistema de depresións de deflación ou as dunas remontantes. Tras esta última praia encóntrase a lagoa de Louro ou lagoa de Xalfas, típico exemplo de lagoa litoral pechada, rodeada dun cinto de vexetación palustre, comunicada irregularmente co mar mediante unha pequena canle de desaugamento e alimentada polo arroio Longarelo na súa parte interna. A extensión máxima da zona húmida é dunhas 27 ha, as súas augas son máis ou menos salobres e a profundidade moi variable en función das precipitacións, o grao de evaporación e a entrada de augas mariñas, situándose normalmente en torno a 1-2 m.

A área pertence á rexión eurosiberiana, provincia atlántica-europea e subprovincia cántabro-atlántica, e adscríbese ao sector galaico-portugués. Sitúase no dominio climático hiperhúmido. A precipitación media anual é de 1.801 mm, a temperatura media é de 12,6 ºC e non se detectan xeadas durante todo o ano.

 

Información detallada

Mapa topográfico (3,4 Mb)


© Copyright. Consellería do Medio Rural e do Mar. Xunta de Galicia. Todos os dereitos reservados. Aviso Legal
RSS