Arquipélago situado a 2,7 km de terra firme no seu punto máis próximo, aliñado en dirección norte-sur na boca da ría de Vigo, cunha superficie emerxida de 455 ha. As illas de maior entidade son as de Monte Agudo (179,5 ha), do Faro (106,6 ha) e San Martiño (145,5 km). As dúas primeiras están unidas por unha barra areosa (praia de Rodas). Hai tamén algúns illotes de menos de 1 ha de superficie (Penela dos Viños, Ruzo, Garabelos e Agoeiro, este último situado no extremo sur do espazo natural, a 1,4 km ao sur da illa de San Martiño). As maiores alturas alcanzan os 197 m na illa de Monte Agudo, 179 m na do Faro e 175 m na de San Martiño. Ademais, o LIC inclúe 545 ha de augas mariñas.
As illas están constituídas por granitos de feldespato alcalino, entre os que se observan diques ácidos e enclaves de micasquistos, cuarzo-esquistos e paragneises do complexo cabo de Home-A Lanzada. A súa cara oeste é moi abrupta, conformada por cantís mariños de grande elevación e un gran número de furnas (covas mariñas), mentres que a vertente leste mostra un relevo máis suave, e inclúe varias praias. A maior parte destes areais, entre os que destacan os de Figueiras, Rodas e San Martiño, presentan formacións dunares de diversa entidade, das que cómpre salientar o sistema de praia-barreira de Rodas, que pecha unha pequena lagoa (Lago dos Nenos) con vexetación halófila, e as dunas de Figueiras-Muxieiro. A peculiar aliñación dos acantilados da cara occidental, que pode gardar relación co accidente responsable da aliñación costeira A Guarda-cabo Silleiro, así como os depósitos areosos de duna, os solos coluviais de pequeno espesor que se apoian sobre o substrato granítico, as furnas e os magníficos exemplos de modelado granítico (taffoni ou cacholas, por exemplo), determinaron a súa inclusión no Inventario Nacional de Puntos de Interese Xeolóxico, do IGME (PIG PO-121).
A parte alta dos acantilados, e particularmente a dos máis expostos da vertente occidental, está recuberta extensivamente por herbais e matogueiras aerohalófilas, que alcanzan unha gran diversidade. As partes máis altas e resgardadas están ocupadas por toxeiras de Ulex e. europaeus e por plantacións forestais de piñeiros, eucaliptos e acacias, que ocupan máis de 100 ha, pero a vexetación arbórea autóctona é escasa. Na vertente abrigada das illas de Monte Agudo e do Faro sitúanse algunhas edificacións, os peiraos e un cámping.
Pertence á rexión eurosiberiana, provincia atlántica-europea e subprovincia cántabro-atlántica, e adscríbese ao sector galaico-portugués. Dominio climático oceánico húmido con tendencia á aridez estival, cunha precipitación media anual de 877 mm, temperatura media de 13,8 ºC e ausencia total de xeadas.

Información detallada
