Estuario e curso baixo do río Tambre, augas abaixo da presa do encoro de Barrié de la Maza, que inclúe a parte máis interna da ría de Muros e Noia ata punta Cambrona, nas inmediacións do porto do Freixo, Outes (beira dereita da ría), e punta Cabalo Baixo, xunto á praia de Boa Grande, Porto do Son (beira esquerda). Tamén abarca os estuarios dos ríos Traba e San Francisco, augas abaixo da ponte de Noia, e do Tins, que desemboca nas proximidades de Serra de Outes.
O 73% da área do LIC está ocupada por hábitats mariños e marítimo-terrestres, cunha superficie de augas mariñas de 1.062 ha, na súa maior parte sobre fondos de menos de 10 m de profundidade, mentres que arredor dunha quinta parte abarca o curso baixo do Tambre, augas arriba da influencia das mareas, ao longo duns 6 km. Esta parte é a máis abrupta da súa conca, na que o Tambre se encaixa fortemente entre dous grandes bloques fracturados, que dan paso, nas zonas altas, a terreos amesetados cara aos 300 m de altitude. De feito, este curso baixo "cólgase" ao longo duns 3 km, onde forma unha garganta de forte pendente lonxitudinal (1,7%), trazada sobre paredóns de migmatitas granitoides, entre os montes de Lueiro e Cornanda. Dous pequenos afluentes, os ríos Xallas e Corzán, únense ao Tambre neste treito ao longo de vagoadas de pendente moi pronunciada, que pode alcanzar máis dun 25%. A máxima altitude do LIC acádase neste sector, con 233 m sobre o nivel do mar.
A zona pertence á rexión eurosiberiana, provincia atlántica-europea e subprovincia cántabro-atlántica, e adscríbese ao sector galaico-portugués. Dominio climático oceánico híper-húmido, cunha precipitación media anual de entre 1.791 mm (encoro de Barrié de la Maza) e 1.443 mm (Noia), concentrada nos meses de decembro e xaneiro, unha temperatura media de 14,5 a 13,9 ºC e de 346 a 301 días libres de xeada.
