Estuario do río Miño. Comprende na súa case totalidade a área baixo influencia das mareas, ao longo dos últimos 33 km do leito fluvial. De batimetría moi limitada, a máxima profundidade é duns 4 m por debaixo do cero hidrográfico na desembocadura. A penetración de auga salgada é espacialmente bastante limitada, e durante a baixamar as augas do esteiro son basicamente doces.
Pertence á rexión eurosiberiana, provincia atlántica-europea e subprovincia cántabro-atlántica, e adscríbese ao sector galaico-portugués. Dominio climático oceánico húmido con tendencia á aridez estival, cunha precipitación media anual de 1.315 mm, temperatura media de 14,3 ºC e ausencia de xeadas. O rango altitudinal é de 0-50 m s.n.m.
A zona presenta unha extensa área de xunqueira, pradarías de ciperáceas e vexetación helofítica, con predominio da carriceira de Phragmites australis, así como manchas de salgueiral pantanoso, en Salcidos e áreas veciñas. As xunqueiras e pradarías húmidas, así como retallos de bosque ripario, caracterizan as veciñas illas da Canosa, Morraceira do Grilo, Morraceira das Varandas e As Pozas. Augas abaixo da illa Boega, e ata as inmediacións da Pasaxe, hai algúns bancos areosos intermareais, máis extensos do lado portugués, e ribeiras lamacento-areentas, parcialmente cubertas de pradarías de Zostera noltii e outros tipos de vexetación halófila. Río arriba a vexetación helofítica rarifícase, pero abundan as formacións de Ranunculus, Potamogeton e outros hidrófitos en augas superficiais, con pequenas pero interesantes mostras de bosque de ribeira nalgúns tramos de beiras e illas, como A Vaqueriza. A presenza de dunas é marxinal e restrínxese á desembocadura (praia de Camposancos).
