Cubeta de orixe tectónica que dá lugar a unha ampla enseada, duns 8 km de lonxitude e 3,6 km de anchura máxima, no fondo da ría de Vigo. A enseada está comunicada co tramo medio da ría polo estreito de Rande, duns 700 m de anchura, dándolle á enseada, que por outra parte está ben resgardada por unha serie de elevacións de entre 100 e 600 m de altura, o aspecto dun lago. A altura máxima do LIC é de 53 m, aínda que a media non supera 1 m.
Varios cursos de auga, en xeral de escasa entidade, desaugan na zona, os máis importantes dos cales son o río Verdugo, que desemboca ao nordés, entre Arcade e Ponte Sampaio, e o río Maceira, que forma un pequeno estuario entre Redondela e Cesantes, ao sueste da enseada. No extremo noroccidental encóntranse os restos dunhas antigas explotacións salineiras (salinas de Casó), na actualidade case totalmente colmatadas e colonizadas por vexetación halófila, que son atravesadas polo regato de Tuimil ou Ullo. O terzo norte da cubeta, augas cara a dentro da punta do Cabalo, constitúe a enseada de Vilaboa, que se descobre na súa maior parte durante as baixamares, e inclúe máis de 400 ha de chairas intermareais lamacentas e areoso-lamacentas. En conxunto, os fondos son pouco profundos, e non superan os 8 m de profundidade agás no estreito de Rande e arredores. En preamar a superficie de augas rasas acada as 2.127 ha e cobre, polo tanto, a maior parte do espazo natural, coa excepción dalgúns retallos de marisma, pequenas masas boscosas e varios illotes rochosos (Alvedosas, San Simón, Lobeira, Santo Antón).
A área pertence á rexión eurosiberiana, provincia atlántica-europea e subprovincia cántabro-atlántica, e adscríbese ao sector galaico-portugués. Dominio climático oceánico húmido con tendencia á aridez estival, cunha precipitación media anual de 1.600 mm, temperatura media de 14,4 ºC e ausencia casi total de xeadas.
