Medio Rural
Inicio >> Áreas >> Espazos protexidos >> Rede galega >> ZEPVN >> Encoro Abegondo Cecebre
Escoitar arquivo de voz Pdf Imprimir

Encoro de Abegondo - Cecebre

Encoro situado na confluencia do río Mero e o seu principal afluente, o Barcés, que foi terminado de construír en 1976 coa finalidade de abastecer de auga a cidade da Coruña e parte da súa área metropolitana. Presenta un elevado grao de naturalidade e unha notable beleza paisaxística. A súa superficie é de 363 ha e a súa capacidade de 21,6 hm3, e alcanza unha lonxitude máxima de 2,8 km e unha profundidade máxima de 15 m. Non obstante, a súa profundidade media é de tan só 5,9 m, con amplas áreas de augas superficiais (por debaixo dos 2 m), que chegan a descubrirse en gran parte durante o outono, formándose extensas chairas lamacentas salpicadas de pozas e canles nas dúas colas, pero sobre todo na do Mero, onde a anchura do encoro é máxima (arredor de 900 m). O maior nivel de enchido acádase entre finais de inverno e a primavera. A cubeta aséntase sobre depósitos sedimentarios cuaternarios de gravas, areas e arxilas, que foron parcialmente explotados ata pouco antes da construción da presa nunha área pantanosa natural, con extensos bosques e pradarías inundables. O LIC inclúe tamén os tramos fluviais inmediatamente por encima do encoro, de pendente moi baixa (menor do 0,3%), e corresponden 4,9 km ao río Barcés e 3,8 km ao Mero. A altura do espazo natural vai dos 20 aos 84 m sobre o nivel do mar, cunha media de 42 m.

A zona pertence á rexión eurosiberiana, provincia atlántica-europea e subprovincia cántabro-atlántica, e adscríbese ao sector galaico-portugués. Dominio climático oceánico húmido, cunha precipitación media anual de 1.150 mm e unha temperatura media de 13,5 ºC.

Información detallada

Mapa topográfico (3,9 Mb)


© Copyright. Consellería do Medio Rural e do Mar. Xunta de Galicia. Todos os dereitos reservados. Aviso Legal
RSS