Área boscosa na conca alta do río Navia, o cal, cos seus afluentes o Valdeparada e o Boullón, forman parte do espazo natural desde os arredores de Doncos e As Nogais ata as proximidades de Becerreá. A pendente deste río oscila entre un 2% e un 0,6% neste tramo, estando flanqueado por ladeiras en forte pendente. O rango altitudinal é de 460-801 m s.n.m., alcanzando unha media de 611 m, situándose entre os pisos colino e montano inferior. Os bosques, que en parte poden ser contemplados desde as estradas principais, están moi cerca da localidade de Becerreá, nunha zona relativamente poboada.
Pertence á rexión eurosiberiana, provincia atlántica-europea e subprovincia cántabro-atlántica, adscribíndose ao sector galaico-portugués. Dominio climático oceánico de montaña, cunha precipitación media anual de 2.042 mm, temperatura media de 8 ºC e 157 días libres de xeadas.
