Esta ZEPA está integrada por varias áreas diferenciadas: a illa Coelleira e costas veciñas a cabalo das rías do Barqueiro e Viveiro (punta da Cova Baixa a praia de Alegrín), tramo costeiro aberto ao nordés da ría de Viveiro (punta de Arnela á enseada de Regodola), illa de Ansarón e costa externa entre Viveiro e San Cibrao (punta da Mansa á punta de Morás) e Os Farallóns.
Sitúase na rexión eurosiberiana, provincia atlántica-europea e subprovincia cántabro-atlántica, e adscríbese ao sector galaico-asturiano. Dominio climático oceánico húmido, con precipitacións no rango dos 1.000-1.100 mm anuais e temperatura media de 12,9 ºC e ausencia de xeadas. O seu rango altitudinal oscila entre os 0 e os 156 m sobre o nivel do mar.
Estreita franxa de costa principalmente acantilada e exposta, que inclúe varias illas (Coelleira, Ansarón, Os Farallóns) e illotes (Gaveira, Area, Os Netos, Insua da Cal). Hai algúns areais, aínda que escasos e de pequenas dimensións, dos que destacan as praias de Areagrande (0,8 km) e Esteiro, que manteñen pequenos sistemas dunares. Matogueiras de toxeira-uceira e pasteiros costeiros flanquean a case totalidade da área acantilada.
