Medio Rural
Inicio >> Áreas >> Espazos protexidos >> Rede galega >> ZEPVN >> Costa Ferrolterra Valdoviño
Escoitar arquivo de voz Pdf Imprimir

Costa de Ferrolterra - Valdoviño

Fronte costeira aberta ao noroeste e norte da cidade de Ferrol, na que alternan algúns pequenos cabos e baías moi expostas. Inclúese na rexión eurosiberiana, provincia atlántica-europea e subprovincia cántabro-atlántica, e adscríbese ao sector galaico-asturiano no seu extremo sudoccidental. Dominio climático oceánico húmido, cunha precipitación media anual de arredor de 1.376 mm, temperatura media de 13 ºC e ausencia case total de xeadas. O rango altitudinal é de 0-239 m s.n.m.

A liña de costa alterna areais e cantís. O litoral areoso abarca uns 10 km e caracterízase pola existencia de praias abertas con extensos sistemas dunares, que frecuentemente se estenden sobre zonas acantiladas próximas, como en Doniños, San Xurxo, Santa Comba, Ponzos e A Frouxeira. En xeral, a costa rochosa é moi alta, particularmente no tramo Cabo Prior-Monte da Vela. Hai, ademais, algunhas illas e illotes moi escarpados ao sur do espazo natural (Gabeiras, Herbosa, Os Cabalos). As lagoas litorais son características deste tramo costeiro e aparecen separadas do mar por praias-barreira e conectadas con el mediante canos de desaugamento máis ou menos cegados; a lagoa da Frouxeira é de augas salobres e superficiais (máximo arredor de 1,5 m), con influencia mariña regular, mentres que as de Doniños e San Xurxo son de augas doces e están illadas do mar actualmente; a primeira é moi profunda (máximo de 11 m) e a segunda está parcialmente colmatada e apenas presenta augas libres. Nestas lagoas, así como noutros pequenos encharcamentos de trasduna, aparecen importantes formacións de vexetación palustre (carriceiras, xunqueiras, masegares, macrófitos somerxidos) e orlas de bosque pantanoso.

 

Información detallada

Mapa topográfico (4,5 Mb)


© Copyright. Consellería do Medio Rural e do Mar. Xunta de Galicia. Todos os dereitos reservados. Aviso Legal
RSS