Esta ZEPA está integrada por varias áreas diferenciadas: o complexo litoral de Baldaio (Carballo) -que inclúe o tramo costeiro ata Malpica (Carballo-Malpica de Bergantiños)-; as illas Sisargas (Malpica de Bergantiños); o tramo costeiro de punta da Nariga-punta Roncudo (Malpica de Bergantiños-Ponteceso), o estuario do río Anllóns (Ponteceso-Cabana de Bergantiños); o complexo litoral de Traba (Laxe) e o tramo costeiro de Arou-cabo Vilán (Camariñas). Inclúe sectores de augas mariñas en todas as áreas, con algúns illotes e baixíos rochosos.
Sitúase na rexión eurosiberiana, provincia atlántica-europea e subprovincia cántabro-atlántica, e adscríbese ao sector galaico-portugués. Dominio climático oceánico húmido, con precipitacións no rango dos 945-1.748 mm anuais e temperaturas medias de 12,4-14,5 ºC, cun número mínimo de 228 días libres de xeadas. O seu rango altitudinal oscila entre os 0 e os 188 m sobre o nivel do mar.
Franxa costeira moi recortada, principalmente rochosa e aberta, con excepción da ría de Corme-Laxe. Algunhas frontes e promontorios dan paso a pequenas serras e montes costeiros, como a serra da Pena Forcada, punta do Roncudo, punta da Nariga e monte Neme. Predominan os cantís mariños de altura media-baixa, que alcanzan o seu máximo nas illas Sisargas, con 96 m. É moi notable a presenza de praias de cantos (coídos), principalmente no contorno do cabo Vilán, e de covas mariñas (furnas) en toda a costa. Entre os varios sistemas dunares, que en parte se desenvolven sobre frechas litorais, destacan os de Baldaio (que se estende ao longo de 3,6 km de fronte costeira), Monte Branco, Traba e Trece-Santa Mariña. As lagoas litorais de Baldaio e Traba, o estuario do río Anllóns e os medios asociados son zonas húmidas moi importantes desde o punto de vista xeomorfolóxico e presentan unha gran variedade de tipos de vexetación halófila e palustre.
