Medio Rural
Inicio >> Áreas >> Espazos protexidos >> Rede galega >> ZEPVN >> Costa da Morte
Escoitar arquivo de voz Pdf Imprimir

Costa da Morte

Extenso tramo de costa entre o cabo Fisterra e a praia de Alba (Arteixo), que, con excepción dunha gran parte da ría de Camariñas e dos núcleos habitados máis importantes, abarca a totalidade do litoral noroccidental de Galicia e algúns dos treitos máis apartados e mellor conservados da costa galega.

Este LIC abarca arredor de 152 km de litoral, dos que sobre un 17% (26 km) se corresponde con depósitos areosos de praia-duna. Ademais, un 38% da área protexida (4.539 ha) ocupa augas mariñas, principalmente ao sur e sudeste de cabo Fisterra, no tramo Camariñas-Arou e na parte externa da ría de Corme e Laxe. Malia a existencia no pasado de múltiples factores degradadores, as diferentes zonas húmidas, como Traba e Baldaio, aínda conservan un gran valor, e atesouran importantes e moi variadas mostras de vexetación estuárica e palustre. Pola súa parte, os sistemas dunares están moi ben representados e inclúen múltiples macroformas sedimentarias e erosivas, algunhas pouco comúns ou case únicas no ámbito cántabro-atlántico ou español, como as dunas parabólicas, as dunas remontantes ou placas eólicas (con mostras excelentes nos "montes brancos" das praias da Barra do Medio, en Ponteceso, e Trece-Santa Mariña, en Camariñas, que se elevan por encima dos 100 m de altura, así como en Lourido, Nemiña e Rostro, entre outras), as dunas colgadas (Razo, Santa Mariña) ou as barxanas (Trece). As praias e turbeiras fósiles (como as de Razo e Baldaio), as grandes extensións de coídos ou praias de coios (con exemplos singulares como o de Cuño, en Muxía), os numerosos complexos de covas mariñas ou furnas (como as de Muxía-Nemiña, Roncudo ou Sisargas), as rasas cuaternarias (cabo Santo Adrián, por exemplo) e a abundancia de megaformas e microformas graníticas (como en cabo Vilán e cabo Veo ou en punta Nariga) son elementos xeomorfolóxicos dun grande interese. Non en van este LIC engloba ata cinco puntos de interese xeolóxico (recoñecidos polo IGME) de importancia estatal ou autonómica: lagoa de Baldaio (C-110), rasas cuaternarias de cabo Santo Adrián (C-111), praia do Trece (placas eólicas) (C-112), penas abaladoiras de Muxía (C-113) -que abarca as praias de coios, rasa litoral e depósitos de praias e placas eólicas de Lourido- e coído de Cuño (C-114).

A área pertence á rexión eurosiberiana, provincia atlántica-europea e subprovincia cántabro-atlántica, e adscríbese ao sector galaico-portugués. Dominio climático oceánico húmido, con precipitacións no rango dos 945-1.748 mm anuais e temperaturas medias de 12,4-14,5 ºC, cun número mínimo de 228 días libres de xeadas.

 

Información detallada

Mapa topográfico (23 Mb)


© Copyright. Consellería do Medio Rural e do Mar. Xunta de Galicia. Todos os dereitos reservados. Aviso Legal
RSS