O espazo natural, situado a cabalo das rías de Arousa e de Pontevedra, está constituído por catro sectores diferenciados. Ao norte, e no interior da ría de Arousa, encóntrase a punta do Carreirón, no extremo sur da Illa de Arousa, e varios illotes próximos de natureza rochosa e areenta (Rúa, Guidoiro Areoso, Guidoiro Pedregoso), así como unha ampla superficie de augas mariñas e baixíos. Un pouco máis ao sur, a enseada do Grove e o estuario do río Umia conforman unha baía moi protexida, pouco profunda e con extensas superficies intermareais, que se atopa separada de mar aberto por un tómbolo formado por areais e dunas, o istmo da Lanzada. Moi próximo a este sector, pero na costa aberta da península do Grove, entre os lugares de Reboredo e San Vicente do Mar, localízase un tramo no que alternan pequenos areais e costa rochosa de media e baixa altura, no cal destaca o sistema dunar da praia de Mexilloeira e unha pequena lagoa litoral, A Bodeira, única na provincia de Pontevedra. O arquipélago de Ons ocupa o sur do espazo natural, xa na ría de Pontevedra, e tamén engloba unha ampla superficie de augas mariñas que se estende desde o contorno de punta Faxilda, en terra firme, ata as illas. A superficie de augas mariñas alcanza as 5.517 ha no conxunto do LIC. A altura media do espazo natural é de 8 m, e abarca desde os 0 ata os 128 m.
