Medio Rural
Inicio >> Áreas >> Espazos protexidos >> Rede galega >> ZEPVN >> Complexo litoral Corrubedo
Escoitar arquivo de voz Pdf Imprimir

Complexo litoral de Corrubedo

Complexo de barra-lagoa con extenso sistema dunar. Constitúe quizais a mellor representación deste tipo de ambientes no noroeste de España, e alberga unha gran variedade de tipos de hábitat en bo estado de conservación nun espazo relativamente reducido.

Pertence á rexión eurosiberiana, provincia atlántica-europea e subprovincia cántabro-atlántica, e adscríbese ao sector galaico-portugués. Dominio climático oceánico hiperhúmido (en transición a oceánico húmido con tendencia á aridez estival), cunha precipitación media anual de arredor dos 1.244 mm, temperatura media de 14,6 ºC e ausencia total de xeadas. O rango altitudinal é de 0-73 m sobre o nivel do mar.

A fronte do espazo natural constitúea unha serie de praias areosas que, en conxunto, se estenden ao longo duns 5 km, e nas que aparecen algúns baixíos rochosos. Estes areais dan paso cara ao interior a varios sistemas dunares ben estruturados, nos que se inclúen cordóns de dunas primarias e secundarias, extensos campos de dunas terciarias (fixadas), mantos eólicos, dunas remontantes e diferentes tipos de depresións interdunares. Tras a praia da Ladeira, ao norte do espazo natural, encóntrase unha gran duna móbil, de preto de 1 km de lonxitude, ata 250 m de anchura e unha altura duns 15 m. As barras dunares separan do mar dúas interesantes zonas húmidas: as marismas do Carregal, que se prolongan na lagoa de Artes, e a lagoa de Vixán, ao sur da zona. O Carregal mantén contacto co mar mediante unha canle natural de desaugamento, polo que se ve sometido regularmente ás mareas e mantén vexetación halófila, aparecendo diferentes tipos de salgal e xunqueira. A lagoa de Vixán, pola contra, está illada normalmente do mar, e as súas augas son doces ou debilmente salobres, o que facilita o desenvolvemento dun amplo cinto de vexetación helofítica, con predominio de carriceira. O espazo natural vese completado por piñeirais de repoboación (en gran parte sobre terreos areosos), áreas cultivadas e, xa fóra dos seus límites, unha ampla baía mariña.

 

Información detallada

Mapa topográfico (3,1 Mb)


© Copyright. Consellería do Medio Rural e do Mar. Xunta de Galicia. Todos os dereitos reservados. Aviso Legal
RSS