A área do LIC correspondente a terra firme está conformada por unha sucesión de pequenos tramos de costa rochosa e de extensos areais e sistemas dunares, que en Basoñas e en Corrubedo forman parte de diferentes complexos de barra-lagoa litoral. Constitúe a máis extensa representación deste tipo de ambientes no noroeste de España, e alberga unha gran variedade de tipos de hábitat en bo estado de conservación. O arquipélago de Sálvora, localizado na boca da ría de Arousa, está sometido a unha forte influencia oceánica e sitúase a uns 4 km da costa; consta da illa de Sálvora (altura máxima 73 m) e as máis pequenas de Sagres, Vionta, Ervosa e Noro (248 ha terrestres en conxunto). En total, a superficie de augas mariñas do espazo natural é de 7.424 ha.
Toda a área pertence á rexión eurosiberiana, provincia atlántica-europea e subprovincia cántabro-atlántica, e adscríbese ao sector galaico-portugués. É unha zona de tránsito entre os dominios climáticos híper-húmido e oceánico húmido con tendencia á aridez estival. Os sectores de terra firme mostran precipitacións medias anuais de 1.244 mm, temperaturas medias de 14,6 ºC e ausencia total de xeadas.
