O LIC está formado por dúas áreas separadas por un zona alta e amesetada, aínda que moi próximas entre si (menos de 3 km en liña recta), situadas na conca alta do río Eo e asentadas sobre lousas e cuarcitas, con algúns afloramentos calcarios. Ao norte, na súa maior parte dentro do termo municipal da Pontenova, encóntranse os bosques ou fragas de Reigadas e de San Xes (o Cabanal), que se estenden polas ladeiras sobre os regatos de Reigadas ou Bounote e do Bidueiro. Ao sur, a fraga de Carballido, en terras da Fonsagrada e Ribeira de Piquín, cobre parcialmente as ladeiras e beiras por enriba do río Rodil e dos seus numerosos afluentes (Veiga de Logares, Os Muíños, Pontigón, Penide, etc.), nunha complexa sucesión de cristas e vales considerablemente encaixados. O rango altitudinal vai dos 260 aos 903 m s.n.m., alcanzando unha media de 573 m.
A área pertence á rexión eurosiberiana, provincia atlántica-europea e subprovincia cántabro-atlántica, adscribíndose ao sector galaico-asturiano. Dominio climático oceánico de montaña, cunha precipitación media anual de 1.754 mm e unha temperatura media de 8,8 ºC.
