Medio Rural
Inicio >> Áreas >> Espazos protexidos >> Rede galega >> ZEPVN >> Betanzos Mandeo
Escoitar arquivo de voz Pdf Imprimir

Betanzos - Mandeo

O espazo natural está integrado polo estuario e o curso baixo e medio do río Mandeo (25 km), parte do seu afluente o río Zarzo, o tramo baixo do río Mendo (9 km) e a desembocadura do río Lambre (Ponte do Porco).

A zona estuárica (530 ha) do sistema Mandeo-Mendo-Lambre abarca desde as inmediacións de Betanzos ata a parte máis interna da ría do mesmo nome, augas abaixo, entre a localidade de Miño e a punta de Moruxo, ao bordo da praia de Gandarío, ao longo de case 7 km, e constitúe unha das maiores extensións de marisma litoral de Galicia: conta cunhas 170 ha de xunqueiras e pradarías halófilas) e unha ampla extensión de augas abrigadas de fondo de ría (algo máis de 200 ha), que só parcialmente se descobren coas baixamares. A influencia das mareas faise notar, no caso do Mandeo, ata uns 12 km da súa desembocadura. A parte máis baixa da conca deste río é o dominio dos esquistos de Bergondo, mentres que augas arriba, a partir do monte da Espenuca (Coirós), predominan os granitos de dúas micas, con notables afloramentos que fan que o río encaixe considerablemente ao longo duns 8 km no tramo central do LIC, presentando unha marcada pendente (3%) entre Lagoa e Colantres, onde discorre entre os 220 e os 20 m sobre o nivel do mar. En contraste, tanto río arriba como río abaixo a pendente suavízase, sen superar o 0,6%. A máxima altitude do espazo protexido alcanza os 284 m sobre o nivel do mar, cunha altitude media de só 34 m.

A zona pertence á rexión eurosiberiana, provincia atlántica-europea e subprovincia cántabro-atlántica, e adscríbese ao sector galaico-portugués, aquí xa moi preto do seu límite co sector Galaico-Asturiano. O seu dominio climático é o oceánico húmido, en transición ao oceánico de montaña, cunha precipitación media anual crecente cara ao interior, e oscilan entre os 874 mm en Betanzos e os 1.705 mm en Irixoa, concentrada nos meses de novembro e decembro (aínda que o máximo caudal se acada en febreiro). A temperatura media é de 12,3 a 11,8 ºC e goza de 300 a 350 días libres de xeada.

Información detallada

Mapa topográfico (10,5 Mb)


© Copyright. Consellería do Medio Rural e do Mar. Xunta de Galicia. Todos os dereitos reservados. Aviso Legal
RSS