Medio Rural
Inicio >> Áreas >> Espazos protexidos >> Rede galega >> ZEPVN >> Baixo Miño
Escoitar arquivo de voz Pdf Imprimir

Baixo Miño

Extenso tramo baixo do río Miño, duns 76 km de lonxitude, que discorre sen encorar ao longo do bordo meridional das comarcas do Baixo Miño, O Condado e A Paradanta, entre a presa de Frieira e a súa desembocadura, nas inmediacións da Guarda. Tamén inclúe parte dos cursos de tres pequenos tributarios, o rego de Ribadil e os ríos Deva e Termes, en terras das Neves, Arbo e Crecente, así como, augas abaixo, as desembocaduras dos ríos Tea, Caselas, Louro, Furnia, Cereixo e Tamuxe. O seu rango altitudinal é de 0-50 m sobre o nivel do mar. Trátase dun espazo transfronteirizo, compartido con Portugal, no que se desenvolven accións coordinadas polo Grupo de Traballo Galicia-Norte de Portugal.

O Miño presenta aquí un baixo índice de sinuosidade e unha pendente media moi escasa e bastante homoxénea (0,06%), superando os 400 m de anchura nalgunhas seccións a partir das Neves, onde comeza a formación de depósitos fluviais. O seu máximo caudal rexístrase en febreiro e o mínimo entre xullo e setembro, cando se presenta un considerable déficit hídrico.

Na súa parte media, o río sofre cambios xeomorfolóxicos e ecolóxicos moi importantes. Así, a influencia das mareas faise notar ao longo dos seus últimos 35-40 km de leito e as beiras pasan de mostrarse rochosas e relativamente abruptas, a presentar un predominio de materiais finos (areas e limos) xa desde as inmediacións de Tui, o que, tendo ademais en conta o escaso rango batimétrico deste tramo estuárico, cunha máxima profundidade de 4 m baixo por debaixo do cero hidrográfico na súa desembocadura, favorece a aparición de illas chás de orixe sedimentaria, tapizadas por xunqueiras e pradarías, denominadas morraceiras na zona (Canosa, Morraceira do Grilo, As Varandas), ou ben máis ou menos cubertas de arboredo (Amores, Boega, Vacariza, Lenta), así como a formación de bancos de area e fango (ariños). A penetración de auga salgada é bastante limitada, de xeito que durante a baixamar as augas do estuario son basicamente doces.

Pertence á rexión eurosiberiana, provincia atlántica-europea e subprovincia cántabro-atlántica, e adscríbese ao sector galaico-portugués. Dominio climático oceánico húmido con tendencia á aridez estival, cunha precipitación media anual de entre 1.315 mm (A Guarda) e 1.124 mm (Frieira), unha temperatura media de 14,3 ºC e ausencia de xeadas.

Información detallada

Mapa topográfico (19,8 Mb)


© Copyright. Consellería do Medio Rural e do Mar. Xunta de Galicia. Todos os dereitos reservados. Aviso Legal
RSS