Conxunto de serras suroccidentais da provincia de Ourense (somontes meridionais de Leboreiro, Queguas, Quinxo, Santa Eufemia, Cruz de Piñeiro, Xurés e Pisco), de natureza basicamente granítica, que forman unha unidade xeomorfolóxica e ecolóxica coas serras portuguesas limítrofes (Peneda, Soajo, Amarela e Gerês) e flanquean o val do río Limia. Ademais deste e do río Salas, no espazo natural abundan os corgos e cursos fluviais de pequena entidade, que nalgúns puntos chegan a formar belísimas fervenzas e pozas (como as da Corga da Fecha). O espazo natural abarca parcialmente dous encoros, o de Lindoso e o Salas. En conxunto, é unha área pouco poboada, con escasas aldeas e extensas áreas deshabitadas. No val de Riocaldo e na área Requiás-Guntumil encóntranse os solos máis profundos, ocupados por cultivos, pradarías e bosquetes, que contrastan coas austeras paisaxes rochosas e fortes pendentes que os rodean por todos lados. A altitude oscila entre os 125 e os 1.540 m sobre o nivel do mar, e a maior parte da zona encóntrase por encima dos 1.000 m. Trátase do primeiro parque transfronteirizo designado como EUROPARC (Gêres-Xurés) pola FNNP.
Pertence á rexión eurosiberiana, provincia atlántica-europea e subprovincia cántabro-atlántica, e constitúese nun sector biogeográfico exclusivo, o xuresiano. A área é moi orixinal por atoparse en plena transición entre as rexións eurosiberiana e mediterránea (neste caso, provincia mediterránea ibérica occidental), cuxa influencia se enxerga nos cumios e na parte oriental do espazo natural. Dominios climáticos oceánico occidental (no val do Limia) e oceánico de montaña, con precipitacións medias anuais de 1.000 a 2.500 mm (segundo a altitude) e temperaturas medias de 8 a 15 ºC. Neva con frecuencia nos cumios, e alcánzanse temperaturas especialmente baixas na parte oriental.
Orografía extremadamente abrupta e fracturada, sobre todo nas serras de Xurés e Santa Eufemia e nos montes do Quinxo, con extensos rochedos e marcadas pendentes. As serras de Queguas e Pisco mostran unha morfoloxía máis suave. A área aséntase sobre un substrato fundamentalmente granítico, formado por migmatitas nebulíticas e granodioritas biotíticas, sobre o que se superpoñen nalgunhas zonas rochas sedimentarias esquistosas metamorfizadas. O modelado glaciar e periglaciar alcanza nestas serras a menor altitude coñecida no contorno ibérico, chegando aos 550 m sobre o nivel do mar, e poden observarse excelentes exemplos, como o do val do río Vilameá (ou das Sombras), situado entre os 1.100 e os 1.300 m de altitude, no que se observan morenas laterais e de fondo (de ata 2 km de lonxitude), así como un magnífico exemplo de val glaciar que se remonta ao wurmiense. Tamén vinculadas a estas áreas glaciadas poden atoparse magníficas mostras de xeomorfología granítica, desde megaformas como as denominadas colinas cóncavas, os nubbins ou domos rochosos, as cristas rochosas e os tors, ata innumerables exemplos de microformas, como os tafone (cacholas), as gnamma (pías), as formas-chama ou as formas-pedestal (bolos ou pedras cabaleiras), quizais a mellor expresión da torturada xeomorfoloxía do parque. Por outra parte, diferentes tipos de depósitos cuaternarios, como os conos de dexección e os derrubios de ladeira, están presentes nas inmediacións do río Caldo, en Buscalque (Lobios) e na área do Quinxo, e é posible atopar depósitos areosos aluviais nas concas dos ríos Limia e Caldo. Neste río localízase unha afamada surxencia de augas termais.
