Fronte costeira aberta, orientada en dirección leste-oeste ao longo da rasa cantábrica, con rochedos e cantís mariños de baixa altura e praias areosas intercaladas entre pequenos promontorios e illotes, de grande interese xeomorfolóxico e extraordinaria beleza escénica. Esténdese entre as puntas Penedo do Corvo, no seu límite oriental, e Corveira, en Reinante. A rasa cantábrica, plataforma de abrasión mariña emerxida durante o Terciario, que se estende na súa maior parte polo litoral asturiano, encóntrase aquí preto do seu límite occidental, formando un chanzo claramente perceptible ao longo da fachada acantilada do LIC, duns 15 km de fronte e unha altura media de 15 m, con 33 m no seu punto máis elevado. A intensa erosión exercida polo mar sobre estes pequenos pero verticais cantís, formados principalmente por esquistos e lousas, en conxunción co alto grao de facturación dos materiais, favorece a formación dun extenso sistema de furnas (covas mariñas), fumarolas, arcos e illotes. Estas formacións son produto do derrubamento das bóvedas de antigas grutas mariñas, en puntos de fractura dos acantilados. Durante as baixamares, a maior parte das calas entre cantís descóbrese e mostra extensos fondos intermareais de area fina, que conforman as praias de Augasantas, As Catedrais, Carricelas, Esteiro, Cadramón, Seborello e Os Castros, entre outras menores, e que en total superan os 2 km. Esta parte da rasa cantábrica foi declarada Punto de Interese Xeolóxico polo Instituto Geológico y Minero de España (LU/O-25 Rasa costeira de Ribadeo).
A área pertence á rexión eurosiberiana, provincia atlántica-europea e subprovincia cántabro-atlántica, e adscríbese ao sector galaico-asturiano. Dominio climático oceánico húmido, cunha precipitación media anual de 1.019 mm, temperatura media de 13,9 ºC e ausencia de xeadas.
