Medio Rural
Inicio >> Áreas >> Espazos protexidos >> Rede galega >> ZEPVN >> A Ramallosa
Escoitar arquivo de voz Pdf Imprimir

A Ramallosa

Estuario do río Miñor, separado da enseada de Baiona e pechado case completamente por unha estreita frecha litoral areosa. Presenta marismas halófilas ben conservadas, desenvolvidas sobre substratos limosos e limoso-areentos que se descobren case completamente durante as baixamares.

O LIC está limitado ao noroeste polo monte Lourido, que flanquea a desembocadura do Miñor, e ao sur pola península de Santa Marta, e entre estes salientes rochosos esténdese a praia de Ladeira (1,3 km), cuxo sistema dunar está case totalmente destruído e ocupado por un cámping e aparcadoiros. Pese a todo, trátase da zona húmida máis importante e de maior extensión no longo tramo costeiro que vai desde a enseada de San Simón, no fondo da ría de Vigo, ao estuario do río Miño, o que, unido á elevadísima densidade de poboación humana do seu contorno, en gran parte urbanizado e de alto interese turístico, lle confire unha considerable relevancia como enclave natural.


A área pertence á rexión eurosiberiana, provincia atlántica-europea e subprovincia cántabro-atlántica, e adscríbese ao sector galaico-portugués. Dominio climático oceánico húmido con tendencia á aridez estival, cunha precipitación media anual de 877 mm, temperatura media de 13,8 ºC e ausencia total de xeadas.

Información detallada

Mapa topográfico (601 Kb)


© Copyright. Consellería do Medio Rural e do Mar. Xunta de Galicia. Todos os dereitos reservados. Aviso Legal
RSS