Área boscosa moi pouco poboada, a cabalo dos pisos colino e montano inferior e no ámbito da conca alta do río Eo, situada entre a serra de Meira, ao norte, e a do Pozo, ao sur. O río Eo intersecta o LIC polo leste, mentres que o seu tributario, o río Martín, co seu pequeno afluente, o río do Souto, atravesan pola súa parte norte a fraga por vales encaixados e de fortes pendentes. O espazo protexido esténdese entre as aldeas da Braña, Mendreiras e Martín e a estrada que une O Cádavo con Martín. O rango altitudinal é de 448-925 m s.n.m., acadando unha media de 703 m. Malia o problema das cortas de arboredo autóctono e que parte do espazo natural está cuberto por piñeirais de repoboación e algúns eucaliptos, o bosque conserva aínda un bo estado de conservación en gran parte da súa extensión, ofrecendo paisaxes dunha gran beleza. A área pertence á rexión eurosiberiana, provincia atlántica-europea e subprovincia cántabro-atlántica, adscribíndose ao sector galaico-asturiano. Dominio climático oceánico de montaña, cunha precipitación media anual de 1.790 mm, temperatura media de 10,2 ºC, 286 días libres de xeadas e nevadas frecuentes.
