Medio Rural
Escoitar arquivo de voz Pdf Imprimir

O Invernadeiro

Data de declaración
5 de xuño de 1997.


Situación
Área montañosa situada na porción centro-oriental da provincia de Ourense, ao sur do Macizo Central, pertencente á comarca de Viana e lindeira coas de Terra de Trives e Verín. Localidades de referencia: Laza, Verín e Vilariño de Conso.


Concellos
Vilariño de Conso.


Superficie
5.722 ha.


Outras figuras de protección

  • Zona de Especial Protección dos Valores Naturais (formando parte do Macizo Central; 46.829,43 ha).
  • Lugar de Importancia Comunitaria (formando parte do Macizo Central, LIC ES1130002; 46.829,43 ha).


Accesos
Pola autovía A-52 ou a estrada N-525 ata Verín. Unha vez alí tomarase a estrada comarcal ata Laza (OU-114), desviando ata Campobecerros. Desde este lugar accédese por unha pista forestal asfaltada ao parque natural, que se encontra a uns 8 km ao norte.

Para entrar, o visitante deberá contar cun permiso que lle estenderá por escrito a Delegación Provincial de Medio Ambiente Natural de Ourense e que se concede a un máximo de 30 persoas por día, para efectuar percorridos a pé por diversas rutas sinalizadas (''Ruta da Aceveda'' e ''Ruta dos Cercados'', na Ribeira Pequena; ''Ruta da Auga'', ''Ruta do Depósito'', ''Ruta das Ortigas'' e ''Ruta das Troitas'', na Ribeira Grande). Non está permitido pasar a noite, salvo autorización expresa.


Infraestruturas
Centro de recepción, en construción (tel. 988 386376).
Aula da Natureza, na Ribeira Grande.
Observatorios de fauna (cercado cinexético de ungulados silvestres).
A Aula da Natureza conta cun dormitorio individual e dous dormitorios colectivos (con 28 liteiras cada un) destinados a investigadores e estudantes, sala de xogos, laboratorio-biblioteca, aula de proxeccións, enfermaría, comedor e cociña industrial. Dous monitores coordinan as actividades coa axuda de diverso material didáctico.


Descrición
Zona montañosa na parte sur do denominado Macizo Central Ourensán, conformada polos vales dos ríos Ribeira Grande e Ribeira Pequena, afluentes do Camba e pertencentes á conca do Sil, e encadrada polo circo de cumios que debuxan as serras de Queixa e Fial das Corzas e os montes do Invernadoiro. Área de elevado interese botánico e faunístico e excepcional valor xeomorfolóxico e paisaxístico.

O territorio que actualmente ocupa o parque natural é unha excepción histórica dentro da dinámica seguida polo sistema de propiedade agraria en Galicia. O seu mantemento como propiedade privada, así como a súa permanencia en mans laicas, sen padecer divisións territoriais desde a Idade Media, provocou que o nivel do estado de conservación do medio natural fose superior ao que a evolución antropóxena produciu noutras serras de Ourense. En época feudal, estes territorios eran moi apreciados pola súa riqueza cinexética e a súa aptitude para o pastoreo. Máis recentemente, a mediados da década de 1950, pasan a ser propiedade de Papelera Española SA, que inicia as primeiras repoboacións forestais. No verán de 1981 un impresionante incendio reduciu a cinzas o predio. En 1984 este foi adquirido pola Xunta de Galicia, que o declarou refuxio de caza e pesca, para pasar máis recentemente a ser parque natural. Na actualidade non existen núcleos habitados dentro do parque e a poboación máis próxima dista varios quilómetros. Limita polo norte cos montes comunais de Camba (Laza) e Vilariño de Conso e coa serra de Queixa (Chandrexa de Queixa), ao sur co encoro das Portas e o monte comunal de Campobecerros (Castrelo do Val), ao leste coa divisoria dos ríos Ribeira Grande e Conso, e ao oeste coa serra do Fial das Corzas (Camba, Laza). O rango altitudinal vai dos aproximadamente 830 aos 1.613 m sobre o nivel do mar, no cumio do monte Castrelo Grande. Outras elevacións destacables son Cabezo de Berganciños (1.594 m), Cenzoá (1.555 m), Cabeza da Veiga do Fial (1.552 m), As Pozas (1.544 m) e Cabeza do Cernado (1.518 m). Ademais dos ríos principais citados antes, a ladeiras e vagoadas do parque están sucadas por un gran número de pequenos cursos de auga aos que se incorporan numerosos regatos ou corgas, como as de Cenzoá, O Lobo, O Bidueiral ou Teixeiroá. Todos estes leitos discorren encaixados, para caer frecuentemente en fervenzas (como a dos Arcos, no barranco de Guasenza), entre elevacións e cumios redondeados pero de abruptas abas, froito da acción erosiva fluvial e do glaciarismo wurmiense que modelou estas alturas, e entre cuxas máis importantes pegadas se contan morenas e circos glaciares como o do Figueiro. Tamén aparecen algunhas zonas chás illadas arredor dos 1.000 m de altitude, rexuvenecidas pola rede fluvial. Desde o punto de vista litolóxico, o relevo está fundado sobre un substrato de esquistos e cuarcitas cambro-ordovícicas, ao sur, e por granitos hercínicos de dúas micas, ao norte e nordeste; separando ambas as zonas atópanse afloramentos de migmatitas hercínicas, ortogneis precámbricos e arcosas do grupo ''ollo de sapo''.

Pertence á rexión eurosiberiana, provincia atlántica-europea, subprovincia cántabro-atlántica e sector galaico-portugués, aínda que en situación limítrofe co sector lusitano-duriense da subprovincia carpetano-leonesa, correspondente á rexión Mediterránea. O seu dominio climático é o oceánico de montaña, aínda con trazos de clima continental, e o seu complexo relevo proporciónalle ao clima unha notable variedade, polo que se dá a existencia de microclimas en áreas reducidas. Os veráns son calorosos e secos, denotando o seu carácter parcialmente mediterráneo, con máximas de ata 31 ºC, e os invernos bastantes fríos, con mínimas que poden chegar aos -7 ºC. A pluviometría é moi abundante (media anual de 2.258 mm), con parte das precipitacións en forma de neve.


Hábitats

Hábitats de interese comunitario (incluídos no anexo I da Directiva 92/43/CEE):

  • Ríos de pisos de planicie a montano con vexetación de Ranunculion e de Callitricho-Batrachion.
  • Uceiras húmidas atlánticas de zonas mornas de Erica ciliaris e Erica tetralix.
  • Uceiras secas europeas.
  • Uceiras oromediterráneas endémicas con toxo.
  • Formacións montanas de Cytisus purgans.
  • Prados ibéricos silíceos de Festuca indigesta.
  • Formacións herbosas con Nardus, con numerosas especies, sobre substratos silíceos de zonas montañosas (e de zonas submontañosas da Europa continental).
  • Rochedos silíceos con vexetación pioneira do Sedo-Scleranthion ou do Sedo albi-Veronicion dillenii.
  • Bosques aluviais de Alnus glutinosa e Fraxinus excelsior (Alno-Padion, Alnion incanae, Salicion albae).
  • Carballeiras galaico-portuguesas con Quercus robur e Quercus pyrenaica .
  • Bosques de Ilex aquifolium.


Flora e vexetación
O carácter fronteirizo do clima dá un grande interese e proporciona singularidade á vexetación, por encontrarse case no límite entre as rexións bioxeográficas Eurosiberiana e Mediterránea. Este carácter maniféstase claramente na concorrencia de especies arbóreas atlánticas ou atlánticas-continentais, como o carballo común (Quercus petraea), e submediterráneas, como o carballo cerquiño ou negral (Quercus pyrenaica) así como pola ausencia de especies de afinidade atlántica, aínda presentes nas vertentes occidentais do Macizo Central, como é o caso de Daboecia cantabrica. As peculiares condicións bioclimáticas, xuntamente coa abrupta orografía, o gradiente altitudinal, a natureza xeolóxica e a actividade humana, modelaron a paisaxe e determinaron a estrutura da vexetación tal e como a coñecemos. En particular, o secular uso para pastoreo, o tradicional costume das queimas para pastos e as cortas, así como, máis recentemente, as repoboacións forestais de piñeiros foron factores decisivos na área, na que actualmente se observa un predominio claro das matogueiras nas abas das montañas e extensións menores de diferentes tipos de formacións arbóreas autóctonas, en fase de recuperación, en fondos de vales e ladeiras medias-baixas, vexetación herbácea nos cumes e restos das antigas plantacións forestais de piñeiros rubios (Pinus sylvestris) que ocuparon unha gran parte do actual parque ata comezos da década de 1980.

Entre os diferentes tipos de bosques atópase a carballeira acidófila montana (asociación Vaccinio myrtilli-Quercetum roboris), de filiación atlántica, caracterizada polo carballo común (Quercus robur), e a arandeira (Vaccinium myrtillus) que ocupa ladeiras orientadas ao norte en vagoadas e vales angostos, frescos e húmidos, cun bo exemplo no barranco de Guasenza. No cortexo arbóreo non escasea o carballo común (Quercus patraea) (que alcanza aquí a súa localización máis sudoccidental en Europa) e, sobre todo, o seu híbrido co carballo (Quercus x rosacea). Propia da zona tamén é a carballeira de cerquiño ou negral (Quercus pyrenaica), transicional entre as rexións eurosiberiana e mediterránea (asociación Holco molli-Quercetum pyrenaicae). O bidueiral altimontano supramediterráneo, dominado pola bidueira (Betula celtiberica) (asociación Saxifrago spatularidi-Betuletum celtibericae) e as formacións de acivros (Ilex aquifolium) con composición florística similar, ocupan pisos máis altos nas abas, mentres que as abeleiras, caracterizadas por Corylus avellana, predominan no fondo das corgas, nas inmediacións de cursos de auga de forte pendente. En zonas máis baixas encóntrase o bosque de ribeira, no que o ameneiro (Alnus glutinosa), e o sanguiño (Frangula alnus) entre outros, son árbores destacadas. Outras especies arbóreas ou arbustivas de especial interese, presentes nestes bosques, son o teixo (Taxus baccata), o cancereixo (Sorbus aucuparia), o salgueiro cabuxo (Salix caprea), o abruñeiro (Prunus spinosa), e o pradairo (Acer pseudoplatanus). Un importante número de fieitos (ata 14 taxons están inventariados no parque), así como interesantes especies de hepáticas (algunhas moi raras en España, como Aphanolejaeunea microscopica), e certo número de plantas vasculares endémicas ibéricas, raras ou pouco comúns, como Anemone trifolia subsp. albida, Silene foetida, Veronica micrantha ou o ameazado Eryngium duriaei subsp. juresianum refúxianse tamén nestas áreas arboradas e os seus clareiros.

As matogueiras predominantes no parque pola súa extensión son as uceiras da asociación Genistello tridentatae-Ericetum aragonensis, caracterizadas pola uz Erica australis subsp. aragonensis e a carquexi (Genistella tridentata). En solos máis profundos e húmidos aparecen Erica arborea e as xesteiras de Genista florida subsp. polygaliphylla e Cytisus multiflorus. Aínda que ocupan unha área moito menor, son tamén de elevado interese e de importancia comunitaria, ao abeiro da Directiva Hábitats, os pastos pioneiros de rochedos, os diferentes tipos de herbais, como os da asociación Agrostio duriaei-Sedetum pyrenaici, os prados terofíticos ibéricos, propios de solos silíceos, da asociación Teesdaliopsio confertae-Festucetum summilusitanae e as depresións húmidas con herba das malladas (Nardus stricta) que se sitúan en cotas por encima dos 1.500 m. Todos estes hábitats albergan un gran número de plantas endémicas e infrecuentes en Galicia, entre as que cabería citar a Allium victorialis, Festuca elegans, Festuca graniticola (exclusiva do Macizo Central ourensán), Festuca summilusitanica, Hieracium rupicolum, Jasione laevis subsp. carpetana, Narcisus asturiensis, Serratula legionensis, entre outras moitas.


Fauna

Especies de invertebrados forestais incluídas no anexo II da Directiva Hábitats son a lesma (Geomalacus maculosus) e a vacaloura (Lucanus cervus).

Entre os vertebrados coñécense dúas especies de peixes autóctonos ameazados no ámbito do parque, o cacho (Squalius carolitertii), e a boga do Douro ou escalo (Chondrostoma duriense). A víbora fociñuda (Vipera latasti), de distribución restrinxida a moi poucos puntos da provincia de Ourense, é, xunto co moito máis común pero endémico lagarto das silveiras (Lacerta schreiberi) o réptil de maior significación.

A avifauna forestal e a propia de áreas de matogueira e rochedos, e en particular as aves rapaces, confírenlle un notable interese á zona. Un número indeterminado de aguias reais (Aquila chrysaetos), do núcleo reprodutor existente noutros puntos do Macizo Central, utilizan este espazo como zona para campar (a especie nidificou hai uns anos na zona). Outras rapaces diúrnas reprodutoras seguras ou probables son a aguia cobreira (Circaetus gallicus), a tartarañas cincenta (Circus pygargus), a gatafornela (Circus cyaneus), o azor (Accipiter gentilis), o gabián (Accipiter nisus), o falcón peregrino (Falco peregrinus), e o lagarteiro (Falco tinnunculus), tamén se citou, entre as nocturnas, o bufo real (Bubo bubo). As picas campestre (Anthus campestris), e alpina (Anthus spinoletta), o merlo rubio (Monticola saxatilis), a andoriña dos penedos (Ptyonoprogne rupestris) e, sobre todo, a rara e ameazada charrela ibérica (Perdix perdix subsp. Hispaniensis) son outros elementos avifaunísticos de relevancia.

A fauna de mamíferos posúe un relevo excepcional no marco de Galicia e é un dos maiores valores do parque natural. Entre os pequenos mamíferos de maior interese, o leirón (Glis glis) propio de bosques climácicos, encóntrase aquí ao bordo do seu límite meridional de distribución, ao igual que a trilladeira nival (Chyonomis nivalis) acantoada a máis de 1.200 m de altitude, mentres que o ameazado desmán ibérico (Galemys pyrenaicus) ten nos numerosos regatos un hábitat óptimo. O catálogo de carnívoros é moi importante, e inclúe o lobo (Canis lupus) do que se coñece unha poboación estable de polo menos 12 exemplares, así como ao gato bravo (Felis sylvestris), a marta (Martes martes), a garduña (Martes foina), o armiño (Mustela erminea), o tourón (Mustela putorius), e a lontra (Lutra lutra) entre os de maior relevo. Por outra parte, as poboacións de ungulados son moi notables, con altas densidades de xabaril (Sus scrofa), corzo (Capreolus capreolus), e cervo (Cervus elaphus) (reintroducido hai años, con arredor de 300 exemplares), e presenza de cabra montesa (Capra pyrenaica) (200-250 exemplares), gamo (Dama dama), e rebez (Rupicapra rupicapra) todos estes procedentes de soltas. Notable poboación de lebre ibérica (Lepus granatensis).


Lexislación

 


© Copyright. Consellería do Medio Rural e do Mar. Xunta de Galicia. Todos os dereitos reservados. Aviso Legal
RSS