Data de declaración
4 de decembro de 1978.
Outras figuras de protección e catalogacións
Accesos
A partir da autovía A-55 (ou da estrada N-550), tomando un desvío a aproximadamente 1 km de Tui, pasando pola aldea de Frinxo. Tamén desde a estrada PO-340 (Tui- Gondomar) e pola estrada local Gondomar-Prado-Tui.
Infraestruturas
Centro de Interpretación da Natureza ''Casa Forestal Enxeñeiro Areses'' (tel. 986 685095).
Descrición
Formando parte da serra do Galiñeiro e situada no seu extremo sur, trátase dunha área de media montaña e relevo notoriamente accidentado. A considerable altitude do monte (80-629 m sobre o nivel do mar, co seu máximo no alto de San Xiao), xuntamente coa súa posición, que asoma directamente aos vales do baixo Miño e do Louro, así como a súa singular cuberta arbórea, os seus elementos de interese etnográfico e os seus restos arqueolóxicos (como a muralla ciclópea ou o castro do Alto dos Cubos), confírenlle unha singular beleza paisaxística e un interese turístico e recreativo sobresaíntes; dispón ademais de miradoiros con amplas vistas panorámicas, unha extensa rede de camiños para paseos e zonas de pícnic. Este interese conxúgase coa conservación de valores naturais destacables, como a flora endémica e a herpetofauna. A propiedade dos terreos correspóndelle á Entidade Local Menor de Pazos de Reis e á Comunidade Veciñal de Montes en Man Común da parroquia de Rebordáns.
Pertence á rexión eurosiberiana, provincia atlántica-europea e subprovincia cántabro-atlántica, e adscríbese ao sector galaico-portugués. O dominio climático é o oceánico húmido con tendencia á aridez estival, cunha temperatura media anual de 14 ºC e unha amplitude térmica moderada de 7,5 a 20,2 ºC. Presenta un incipiente período de seca estival, case inapreciable en conxunto, e rexistra elevadas precipitacións, cunha media anual de 1.930 mm.
Os seus solos, ácidos e de profundidade escasa ou media, sitúanse sobre un substrato granítico alcalino de dúas micas pouco deformado, e neles predominan as terras pardas podzolizadas. Por encima dos 600 m sobre o nivel do mar aparece unha zona amesetada sobre terra parda oligotrófica, con pendentes suaves e afloramentos rochosos de silicatos (penedos). Outra zona con afloramentos rochosos sobre un estreito amesetamento constitúea o interfluvio de Costa de Oia, que alcanza unha altitude de 495 m. Por debaixo destes puntos elevados predominan as ladeiras en forte pendente, con presenza de interfluvios con frecuentes rochedos e valiñas. A rede fluvial está constituída por regatos que corresponden ás concas do Louro (Deique, Rebordáns e San Simón) e do Rosal (As Tabernas, Tripes e Udencias). Tamén hai algunhas charcas e pozas creadas pola existencia de encalcos nalgúns cursos fluviais (Cabanas, Clavildo e Paredes).
No parque predominan as áreas arboradas (601 ha, 81% da superficie total), na súa maior parte antigas plantacións forestais, mentres que as matogueiras, rochedos e prados e outros hábitats menores se reparten a superficie restante. En 1910 iniciouse a repoboación forestal a grande escala con diferentes especies de piñeiros e con outras moitas especies exóticas, o que deu lugar a un arboreto de grande interese. Actualmente existe unha ''senda botánica'' que mostra ao visitante os elementos forestais máis destacables do Baixo Miño en xeral e do Monte Aloia en particular. Entre estas especies introducidas cóntanse, como máis importantes, o piñeiro bravo (Pinus pinaster) (cunhas 420 ha), a mimosa (Acacia dealbata), e o eucalipto branco (Eucalyptus globulus). Outras especies menos abundantes pero ben representadas ou con exemplares de gran tamaño son a acacia negra (Acacia melanoxylon), o ciprés de Lawson (Chamaecyparis lawsoniana), o abeto de Douglas (Pseudotsuga menziesii), e os piñeiros albar (Pinus sylvestris), e insigne (Pinus radiata) e o cedro xaponés (Cryptomeria japonica).
O inventario florístico inclúe polo menos 385 taxons de flora vascular. É interesante a presenza dunha serie de endemismos galaico-portugueses ou ibérico-occidentais, como Coyncia monensis subsp. puberula, Carduus asturicus, Carex acuta subsp. reuteriana, Dianthus laricifolius subsp. caespitosifolius, Hyancinthoides paivae ou Ranunculus bulbosus subsp. aleae, entre outros.
A vexetación potencial dominante do Aloia correspóndese coa carballeira acidófila colina galaico-portuguesa (asociación Rusco aculeati-Quercetum roboris). Actualmente estes bosques encóntranse reducidos a pequenas formacións máis ou menos homoxéneas (carballeiras da Hermida e Rego da Pedra), aparecendo tamén frecuentemente mesturados pés soltos ou pequenos rodais en repoboacións de piñeiros, xuntamente con acivros (Ilex aquifolium), castiñeiros (Castanea sativa), abruñeiros (Prunus spinosa), espiños albares (Crataegus monogyna), érbedos (Arbutus unedo), e pereiras bravas (Pyrus cordata). A sobreira (Quercus suber) está ben representada no parque, intégrase na carballeira e constitúe a subasociación quercetosum suberis do Rusco-Quercetum, ademais de aparecer mesturada de xeito illado nos piñeirais e eucaliptais.
Pola súa parte, nas ribeiras fluviais mellor conservadas os bosquetes de carballo mestúranse principalmente con salgueiros (Salix atrocinerea), ameneiros (Alnus glutinosa), e sanguiños (Frangula alnus) aos que acompañan numerosas plantas vasculares, pteridófitos e briófitos. Nos cursos de auga propiamente ditos dáse unha interesante flora acuática, con Callitriche stagnalis, Montia fontana subsp. amporitana, Ranunculus omiophyllus e Scirpus fluitans, entre outras hidrófitos. Esta flora fluvial vese complementada pola existente nalgunhas pozas, como as de Cabanas e Clavildo, onde aparecen Baldellia alpestris e Myosotis secunda.
Nos litosoles das fisuras dos frecuentes rochedos localízase un bo número de especies de pteridófitos, entre os que cabe destacar a Anogramma leptophylla, Asplenium billotii, Asplenium trichomanes subsp. quadrivalens e subsp. trichomanes, Cystopteris viridula, Polypodium interjectum e Polypodium vulgare, así como diversos espermatófitos fisurícolas como o endemismo Dianthus laricifolius subsp. caespitosifolius, propio da conca do Miño-Sil e en perigo de extinción en Galicia. Nas matogueiras, pasteiros terofíticos e higroturbosos destas zonas altas aparecen tamén outros elementos interesantes, como o toxo portugués (Ulex micranthus), a xenciana (Gentiana pneumonanthe), ou o Centaurium scilloides.
Fauna
A existencia de comunidades faunísticas ricas e variadas está condicionada pola dispoñibilidade e extensión de hábitats naturais ou seminaturais en bo estado de conservación. De aí que nunha área na que predominan as plantacións forestais e outros ambientes con forte influencia antrópica, como é o caso do monte Aloia, o catálogo de fauna, e particularmente a fauna de vertebrados (a única suficientemente ben estudada ata o momento), sexa relativamente discreto e se encontre dominado en gran parte por especies xeneralistas ou de amplo espectro ecolóxico. Con todo, o parque natural alberga algúns elementos realmente destacables, principalmente na fauna herpetolóxica.
Entre os peixes, sobresae a presenza de vermella (Rutilus arcasii), ciprínido con poboacións numerosas nas pozas de Cabanas e no regato Udencias; é unha especie de singular relevancia, ao tratarse dun endemismo ibérico con poboacións consideradas vulnerables, listadas no anexo II da Directiva Hábitats e no Libro vermello dos peixes continentais de España (2001).
A fauna de anfibios é de grande interese pola súa diversidade e abundancia, e confírelle particular relevancia ao parque natural. Na zona están citadas 11 das 14 especies coñecidas en Galicia, destacando os urodelos, que manteñen poboacións destacables de píntega (Salamandra salamandra subsp. Gallaica), e tritóns (Lissotriton boscai e Triturus marmoratus), e están tamén presentes dous endemismos ibéricos noroccidentais ameazados, a píntega rabilonga (Chioglossa lusitanica), e a ra patilonga (Rana iberica). Entre os réptiles cabe citar a presenza de endemismos ibéricos, como o lagarto das silveiras (Lacerta schreiberi), a víbora de Seoane (Vipera seoanei), e a lagarta galega (Podarcis bocagei) que coincide aquí coa lagarta ibérica (Podarcis hispanica).
A avifauna forestal está relativamente ben representada; destaca a variedade de páridos nidificantes (entre os que cabe sinalar o ferreiriño cristado (Parus cristatus), petos finxílidos e gaio (Garrulus glandarius) así como as concentracións invernais de tordos (Turdus spp.) e ubalos (Carduelis spinus). Cómpre tamén sinalar a presenza frecuente do azor (Accipiter gentilis) e a menos común do miñato abelleiro (Pernis apivorus), o merlo azul (Monticola solitarius) e o cruzabico (Loxia curvirostra).
Entre os mamíferos, ata o momento moi pouco estudados, é frecuente a presenza de esquío (Sciurus vulgaris), o xabaril (Sus scrofa), a xeneta (Genetta genetta) e o raposo (Vulpes vulpes).

Outros Parques Naturais
Baixa Limia - Serra do Xurés
Complexo dunar de Corrubedo e lagoas de Carregal e Vixán
Fragas do Eume
O Invernadeiro
Serra da Enciña da Lastra
