Medio Rural
Escoitar arquivo de voz Pdf Imprimir

Fragas do Eume

Data de declaración
30 de xullo de 1997


Situación
Ao nordeste da provincia da Coruña, entre a Ría de Ares e a Serra da Loba. Localidades de referencia: Pontedeume, As Pontes de García Rodríguez, As Neves e Monfero.


Concellos
Cabanas,  A Capela,  As Pontes de García Rodríguez,  Monfero,  Pontedeume.


Superficie
9.076,82 ha.


Outras figuras de protección

  • Zona de Especial Protección dos Valores Naturais.
  • Parque Natural (''Fragas do Eume'', 9.125,65 ha).


Accesos
Os principais accesos son a estrada local C-6902, que conduce desde Pontedeume ata Caaveiro, pasando por Ombre; o desvío desde As Neves, na estrada AC-141, ata a central do Eume; e a estrada local C5002 que, pasando xunto ao mosteiro de Monfero, nos leva ata Val Xestoso.


Infraestruturas
Oficina do Parque Natural (Esteiro, 23, 15619 Nogueirosa - Pontedeume; tel. 981 495580).
Centro de Recepción na estrada Ombre-Caaveiro, km 5.
Paneis informativos.


Descrición

Tramo baixo da conca do río Eume. Abrupto val de orixe tectónica, con profundas gargantas e abas de pronunciada pendente, que alberga un dos bosques climácicos máis extensos de Galicia, dun valor ecolóxico e paisaxístico excepcional. Aínda que a maior parte da área se encontra no piso colino, o sector oriental sitúase xa no piso montano inferior. O rango altitudinal vai dos cero aos 720 m sobre o nivel do mar, cunha media de 413 m.


A área presenta unha xeoloxía variada. Na súa parte occidental sitúase dentro do dominio da Serie de Ordes, na que predominan os cuarzo-esquistos biotíticos, aparecendo un cinto de metagabros (rocas básicas). Máis ao leste a zona queda baixo o dominio do Ollo de Sapo, que inclúe gneises glandulares, esquistos, lousas, cuarcitas e pedras de gra. No aspecto xeomorfolóxico, o val estrutúrase en diferentes chanzos, de maneira que, desde a costa ao interior, primeiro se encontra a superficie de erosión tortoniana, que se sitúa arredor dos 200 m de altitude; a superficie de erosión aquitaniana sitúase por encima da anterior, a unha altura aproximada de 400 m; por último, atópase a superficie eóxena-paleóxena, situada arredor dos 600 m. O espazo protexido inclúe dentro dos seus límites, total ou parcialmente, dous Puntos de Interese Xeológico: ''C-104 Ría de Ares'', que afecta á morfoloxía do val do Eume, incluído Caaveiro; e ''C-20 Encoro do Eume'', que subliña a morfoloxía e o metamorfismo de contacto entre as lousas ordovícicas e os granitos de Forgoselo.

A conca do Eume ensancha na metade do seu curso. Neste tramo, xa dentro do espazo natural, incorpóranselle pola marxe esquerda os ríos Frei Bermuz (10 km) e San Bartolomeu (8 km). As subconcas destes afluentes, xuntamente co curso baixo do Eume propiamente dito e o que quedou por encima do nivel das augas do encoro da Capela (de aproximadamente 10 km de lonxitude), constitúen a zona de maior interese ecolóxico. Ao longo dun tramo de preto de 30 km de leito, o Eume descende desde os 200 m s.n.m. na cola do encoro, ata os menos de 10 no extremo occidental do espazo natural. O seu encaixamento dá lugar a un canón espectacular augas abaixo da presa do encoro, no que os barrancos chegan a superar os 300 m de altura.

Pertence á rexión eurosiberiana, provincia atlántica-europea e subprovincia cántabro-atlántica, e encóntrase na área de contacto entre os sectores galaico-asturiano e galaico-portugués. O tramo máis baixo do Eume sitúase no dominio climático oceánico húmido, pero gran parte do espazo natural atópase nunha área de transición entre este e o dominio oceánico de montaña, que prevalece nas terras altas de Monfero. As precipitacións medias anuais oscilan entre os 1.400 mm preto da costa e os máis de 1.900 mm nas zonas máis altas do interior. As temperaturas medias anuais van desde os 11,7 aos 15,1 ºC.

Hábitats

Hábitats de interés comunitario (incluidos en el Anexo I de la Directiva 92/43/CEE):

  • Uceiras húmidas atlánticas de zonas mornas de Erica ciliaris e Erica tetralix.
  • Uceiras secas europeas.
  • Uceiras oromediterráneas endémicas con toxo.
  • Turbeiras altas activas.
  • ''Mires'' de transición.
  • Pendentes rochosas silíceas con vexetación casmofítica.
  • Bosques aluviais de Alnus glutinosa e Fraxinus excelsior (Alno-Padion, Alnion incanae, Salicion albae).
  • Carballeiras galaico-portuguesas con Quercus robur e Quercus pyrenaica.
  • Bosques de Castanea sativa.


Flora e vexetación
Este LIC é principalmente coñecido pola extensión e, en gran parte, bo estado de conservación e representatividade dos seus bosques autóctonos ou fragas. Estas masas forestais, que se encontran aquí moi preto da área de contacto entre os sectores bioxeográficos galaico-asturiano e galaico-portugués, constitúen a mellor representación supervivente en Europa dos bosques atlánticos termófilos.

Entre os pisos termocolino e montano inferior prosperan as carballeiras galaico-asturianas occidentais, pertencentes á asociación Blechno spicanti-Quercetum roboris, co carballo (Quercus robur) como especie dominante e un cortexo arbóreo e arbustivo composto por abeleiras (Corylus avellana), freixos (Fraxinus excelsior), pradairos (Acer pseudoplatanus), estripos (Crataegus monogyna) e, en zonas baixas e abrigadas do piso termocolino, loureiros (Laurus nobilis) e érbedos (Arbutus unedo). Outras especies arbóreas ou arbustivas presentes nestes bosques, algunhas delas de presenza rara ou infrecuente na Galicia costeira ou situadas no bordo da súa área de distribución, son o teixo (Taxus baccata), o acivro (Ilex aquifolium), o carballo negral ou rebolo (Quercus pyrenaica), o carballo albar (Quercus petraea), a sobreira (Quercus suber), o olmo montano (Ulmus glabra), a cerdeira brava (Prunus avium), e a maceira brava (Malus sylvestris). Localmente son abundantes, e incluso dominantes, o castiñeiro (Castanea sativa), e o bidueiro (Betula celtiberica), que é especialmente numeroso en vagoadas do contorno do encoro.

Os bosques de ribeira ou ripisilvas flanquean unha gran parte dos leitos fluviais e pola súa extensión, naturalidade e estado de conservación constitúen unha das mellores mostras deste tipo de formacións forestais en Galicia. No Eume prodúcese o tránsito entre o dominio das ripisilvas galaico-portuguesas (asociación Senecio bayonensis-Alnetum glutinosae) e as galaico-asturianas setentrionais (asociación Valeriano pyrenaicae-Alnetum glutinosae), caracterizadas pola abundancia de ameneiros (Alnus glutinosa), cos que se mesturan salgueiros (Salix atrocinerea), freixos (Fraxinus excelsior e Fraxinus angustifolia), e sanguiños (Frangula alnus) entre outras especies arbóreas.

Estes bosques albergan un gran número de taxons escasos ou de distribución marxinal. Ademais dalgunhas de especies arbóreas pouco comúns na Galicia costeira, citadas antes, é preciso mencionar, entre as anxiospermas (a Narcissus cyclamineus, Narcissus asturiensis, Narcissus triandrus, Allium victorialis, Inula conyza, Luzula sylvatica subsp. grandulosa, etc). Ademais, as carballeiras e abeledos das vagoadas por debaixo dos 400 m de altitude, sobre todo, son un refuxio de excepcional relevancia para a flora pteridolóxica; así, coñécese un total de 28 taxons de fieitos, incluíndo varios relitos macaronésicos ameazados e restrinxidos a moi poucos lugares no ámbito ibérico e incluso mundial, como Culcita macrocarpa (considerada en perigo no Libro vermello da flora vascular ameazada de España), Dryopteris guanchica, Cystopteris viridula, Vandeboschia speciosa, Hymenophyllum tumbrigense, Davallia canariensis, Woodwardia radicans e Dryopteris aemula.

Do mesmo xeito, case a metade da brioflora galega está presente na zona (máis de 220 especies: 136 de brións e 85 de hepáticas), incluíndo 52 especies novas para Galicia, algunhas delas raras en España, como os brións (Andreaea crassinervia, Cyclodyction laetevirens, Cryphaea lamyana, Isothecium holtii ou Rhynchostegium alopecuroides) ou a hepática (Metzgeria temperata). A flora liquénica é igualmente excepcional, e foron catalogadas 243 especies, das cales 24 son raras ou descoñecidas no resto de España e 3 son novas para Europa. O catálogo de fungos, aínda que provisional, é así mesmo moi extenso, con 163 especies, moitos deles raros en Galicia. Aínda que dunha relevancia menor que a dos bosques, o LIC alberga boas representacións de diferentes tipos de matogueiras, entre as que se insiren pequenas áreas higroturbosas, como na área do monte Fontardión e ao noroeste do concello de Monfero. Nestas áreas destaca a presenza de Erica mackaiana e Cytisus ingramii, endémicas do norte de Galicia, e Linkagrostis juressi, entre outras moitas especies de distribución restrinxida. A vexetación de paredes rochosas silíceas tamén está moi ben representada, particularmente no canón entre o encoro e a central hidroeléctrica.


Fauna
A fauna de invertebrados é extremadamente diversa e orixinal. Entre os moluscos acuáticos, destaca a náiade ou mexillón de río (Margaritifera margaritifera) que mantén unha poboación residual na zona, mentres que entre os moluscos terrestres sobresaen dúas especies recollidas no anexo II da Directiva hábitats, o caracol (Elona quimperiana) e a lesma (Geomalacus maculosus). Entre os insectos, cabe destacar a presenza dun gran número de especies protexidas, endémicas ou de distribución marxinal, como a vacaloura (Lucanus cervus), o odonato (Coenagrion mercuriale), os ropalóceros (Euphydryas aurinia e Apatura iris) ou o heterócero (Endromis versicolora). Entre os peixes, dos que están inventariados 8 taxons, destaca a presenza de dúas especies consideradas vulnerables, o endemismo noroccidental ibérico Chondrostoma duriense e o reo (Salmo trutta trutta).

A herpetofauna, integrada por 13 especies de anfibios e 10 de réptiles, é un dos valores faunísticos principais do LIC. De feito, as Fragas do Eume foron recentemente incluídas no inventario de áreas importantes para a herpetofauna española (Dirección Xeral de Conservación da Natureza, 2004) e inclúen ata 10 taxons con distinto grao de endemicidade. Importantísima poboación da píntega rabilonga (Chioglossa lusitanica), endémica do noroeste ibérico. Tamén se encontran o limpafontes ou tritón ibérico (Lissotriton boscai), e a ra patilonga (Rana iberica) ambos tamén endémicos da Península, que coinciden con elementos eurosiberianos como a ra vermella (Rana temporaria). Entre os réptiles, ademais do lagarto das silveiras (Lacerta schreiberi), endémico pero abundante, é especialmente destacable o núcleo a baixa altitude da lagarta da serra (Iberolacerta monticola).

Entre a avifauna, con máis de 100 especies coñecidas, destaca a existencia dunha considerable variedade de aves rapaces nidificantes, incluíndo entre outras o miñato abelleiro (Pernis apivorus), azor (Accipiter gentilis), gabián (Accipiter nisus), aguia albela (Circaetus gallicus), rapina cinsenta (Circus pygargus) e falcón peregrino (Falco peregrinus). Case todas as especies de rapaces nocturnas foron detectadas no ámbito do LIC, e destaca a presenza de bufo real (Bubo bubo), e a elevada densidade que presenta a avelaiona (Strix aluco). Ademais dos falcóns e bufos, a andoriña dos penedos (Ptyonoprogne rupestris) a andoriña dáurica (Hirundo daurica) (rara na Galicia costeira) e o corvo grande (Corvus corax) son as especies máis características dos rochedos. O merlo rieiro (Cinclus cinclus), a lavandeira real (Motacilla cinerea), e o picapeixe (Alcedo atthis) caracterizan a avifauna propia dos leitos fluviais. Os bosques, campiñas e matogueiras albergan unha gran variedade de aves terrestres, e destacan pola súa abundancia os ferreiriños (Parus spp.), e estreliñas riscadas (Regulus ignicapillus), e o cardeal (Pyrrhula pyrrhula) entre outras moitas.

Pola súa riqueza (ao menos 40 especies) e pola existencia de diversas especies infrecuentes e de distribución moi localizada, as Fragas do Eume son o emprazamento máis notable para a fauna de mamíferos na Galicia baixa. Entre as especies propias de áreas montanas destacan, por exemplo, a marta (Martes martes), e a musaraña de auga (Neomys fodiens). Esta última, xuntamente co desmán ibérico (Galemys pyrenaicus), e a lontra (Lutra lutra), ambos incluídos no anexo II da Directiva hábitats e con boas poboacións na zona, están vinculados aos numerosos cursos de auga. Outros carnívoros de grande interese citados na zona son o gato bravo ou montés (Felis sylvestris), o armiño (Mustela erminea), o tourón (Mustela putorius), e a garduña (Martes foina). O lobo (Canis lupus) mostra unha presenza regular nas zonas altas do LIC. Malia que os quirópteros están pouco estudados, a existencia de múltiples refuxios permite supoñer a existencia dunha rica comunidade; unha das poucas citas do raro morcego rateiro de bigotes (Myotis mystacina), foi obtida neste espazo natural. Tras décadas de case desaparición, o corzo (Capreolus capreolus), e o xabaril (Sus scrofa), están hoxe en día ben representados, así como a lebre (Lepus granatensis), nas áreas altas de matogueira, mentres que o cervo (Cervus elaphus), procedente de escapes de catividade, xa chegou a reproducirse dentro do espazo natural.


© Copyright. Consellería do Medio Rural e do Mar. Xunta de Galicia. Todos os dereitos reservados. Aviso Legal
RSS